familia de Pascual Duarte, La

familia de Pascual Duarte, La
[LIT]

Novela da autoría de Camilo José Cela publicada en 1942 coa que o autor inaugurou a novela de posguerra e o chamado tremendismo literario. Estruturalmente comeza cunha nota do transcritor que informa ao lector sobre o descubrimento do manuscrito de Pascual Duarte e xustifica a súa publicación para evitar que sexa un modelo a seguir. A continuación, preséntase unha carta de Pascual Duarte, condenado a morte, dende o calabozo na que anuncia o envío do manuscrito orixinal como unha confesión pública das súas vivencias ao señor Barrera, amigo do Conde de Torremejía que era o señor da vila natal de Pascual Duarte e que el matou. Posteriormente, aparece unha cláusula do testamento do señor Barrera na que se di que quen atope dito manuscrito debe de usalo á súa vontade, sempre e cando se salvase da súa destrucción no lume, a seguir veñen 19 capítulos de narración e para rematar outra nota final do transcritor. A obra, ambientada en Torremejía, é a confesión dun condenado a morte coa que pretende explicar os seus crimes, un xeito de vinganza ante a súa existencia desgraciada e maldita, e acougar a súa conciencia. En forma autobiográfica, cun estilo directo e unha linguaxe arrepiante que reflicte a terrible realidade da España da posguerra, exponse a perdición e fatalidade dun home sometido a unhas situacións sociais e familiares concretas que o levan inexorablemente á soidade e abandono. Víctima das circunstancias, o protagonista é un home que non é quen de eliminar o seu instinto violento e cruel derivado do contorno hostil que o rodea.

Palabras veciñas

Famiglia, La | familia | Familia de Carlos IV, La | familia de Pascual Duarte, La | Familia, Pactos de | familiar | familiaridade