fasciolose
(
Enfermidade orixinada por trematodos hepáticos. Ten como axente produtor a Fasciola hepatica, o trematodo máis importante dos ruminantes domésticos. Aparece en todos os países que posúen condicións ambientais apropiadas para o caracol hospedeiro intermediario. O fígado é o órgano de localización do hospedeiro no seu estadio adulto. Os ovos procedentes dos parasitos adultos, localizados nos condutos biliares do hospedeiro, pasan ao intestino e elimínanse cos excrementos. A fasciolose é unha das enfermidades máis difíciles para o veterinario no campo da parasitoloxía.Ten grandes repercusións económicas polas perdas que ocasiona no sector gandeiro. Existen tres formas diferentes de presentación da fasciolose ovina relacionadas coa carga da infestación, duración do período de infestación e o momento do ano. OBS: Tamén se denomina fígado danado.