fascismo

fascismo

(< ital fascismo)

  1. s m [HIST/POLÍT]
    1. Sistema político instaurado en Italia pouco despois da Primeira Guerra Mundial por Benito Mussolini, creador en 1919 dos Fasci Italiani di Combattimento, estrutura corporativa de carácter totalitario e nacionalista. Os seus trazos definidores foron o antiliberalismo, o antimarxismo e o anticapitalismo; e o seu obxectivo a creación dun estado forte, totalitario e nacionalista, baseado no principio de liderado e de xerarquización. No campo económico, buscou unha vía intermedia entre o liberalismo e o socialismo a través do corporativismo, que incorporaba os distintos grupos de produtores en categorías funcionais integradas nun ámbito nacional e fortemente xerarquizadas. O Rei Víc22tor Manuel III encargoulle a formación de goberno a B. Mussolini, quen foi ampliando as súas cotas de poder ata implantar un réxime autoritario baixo o seu dominio como Duce, líder do partido. Italia ofreceu o modelo de fascismo característico das décadas de 1920 e 1930. O partido único foi coñecido en Alemaña co nome de Partido Nacionalsocialista. A ideoloxía antimarxista e antiliberal de ambos os dous sistemas tomou baixo o réxime hitleriano unhas características específicas: racismo e antisemitismo. Réximes ou movementos máis ou menos semellantes arraigaron noutros países europeos, como España (Falange Española), Portugal (directorio militar e goberno de Oliveira Salazar), Polonia (ditadura de Józef Pilsudski) e Grecia (Ioannis Metaxàs). Tampouco faltaron nos países de máis profunda tradición democrática grupos profascistas, como as camisas negras de Mosley, en Gran Bretaña, os franceses afiliados á Croix de Feu e os membros dos Heimwehren austríacos. Tamén no Xapón, nos anos de crise económica, entre 1929 e 1939, conseguiron impoñerse as faccións políticas máis nacionalistas e antidemocráticas. Trala Segunda Guerra Mundial xurdiron novas tendencias fascistas, partícipes do movemento denominado neofascismo.

    2. Ideoloxía que inspira o sistema político instaurado en Italia por Mussolini.

  2. s m [POLÍT]
    1. Ideoloxía política que ten por obxectivo a instauración dun réxime autoritario, de base corporativista, imperialista e racista.

    2. Réxime político inspirado nesta ideoloxía.

  3. s m

    Actitude autoritaria, arbitraria e violenta, coa que unha persoa se impón a un grupo.

Palabras veciñas

fascio* | Fasciola | fasciolose | fascismo | fascista | fascistización | fascistizante