fatimita
(
-
adx
Relativo ou pertencente aos fatimitas.
-
s
Membro da dinastía fatimita.
-
arte fatimita
[ARTE]
Arte propia do período califal fatimita. Relacionouse coa arte árabe de Persia e de Sicilia. Caracterizouse pola construción nas mesquitas dunha fachada monumental con pórtico e dous minaretes de planta cadrada, polo emprego da bóveda de aresta e dos mocárabes, e pola abundancia de nichos. Utilizou o perpiaño e a columna. No Cairo consérvanse as mesquitas de Al-Azhar, al-Ḥākim (s X-XI), al-Aqmar e al-Ṣālih Ṭalā’, e uns cantos mausoleos do s XII. As fortificacións tiñan un acceso recto de dobre fachada e estaban enmarcadas por torres. Con respecto ás artes menores destacaron na realización de cerámicas con reflexos metálicos, os vidros tallados, pintados e estampados, a talla en marfil, o traballo en madeira e a fabricación de ṭirāz de liño con bordados de fíos de seda.
-
dinastía fatimita
[HIST]
Dinastía árabe xiíta de califas que gobernou no N de África (909-973), en Exipto (969-1171) e en Oriente Medio. Xurdiu en Tunisia no s X cando ‘Ubayd Allāh, membro do movemento ismaelita e suposto descendente de Fátima, se proclamou mahdī e obtivo o apoio das tribos bérberes. Os seus sucesores proclamáronse califas e estenderon os seus dominios ata Exipto, onde se trasladaron no 969. O novo imperio, con capital no Cairo desde o 972, acadou, durante o reinado do Califa al-Azmīz, a súa máxima extensión territorial, ao controlar Sicilia, Siria, Palestina, Mesopotamia e Ḥaḋramawt. A súa decadencia iniciouse en tempos do Califa al-Ḥākim e continuou ata que no 1171 Saladino depuxo o último califa fatimita e estableceu a dinastía aiúbida en Exipto. A época fatimita foi, en xeral, unha época de prosperidade económica e de gran tolerancia relixiosa.