Federación de Sociedades Obreras de Ferrol y sus contornos

Federación de Sociedades Obreras de Ferrol y sus contornos

Organismo federativo das sociedades obreiras de Ferrol, fundado en xaneiro de 1919 e no que figuraban tanto sindicatos de carácter socialista como anarcosindicalista ou sen orientación definida. Foi coetáneo coa época de achegamento entre a CNT e a UGT, trala folga xeral de 1918, na que ambas centrais sindicais actuaron conxuntamente. En decembro de 1919 varios delegados de sociedades vinculadas á Federación participaron no Congreso da CNT en Madrid, no que esta organización se amosou contraria á fusión coa UGT, optando por tratar de absorber o sindicato socialista. En Ferrol xurdiron tamén diferencias entre anarcosindicalistas e socialistas, que remataron coa creación do Sindicato Único de Obreros Metalúrgicos en febreiro de 1920, xermolo da CNT ferrolá. No II Congreso da Federación, en abril do mesmo ano, decidiuse por maioría o ingreso na UGT. A maior parte dos seus afiliados pertencían aos diferentes gremios de traballadores da construción naval, sumando un total de 2.063 afiliados en 1920. Entre os seus militantes destacaron Antonio Bello, Manuel Teijeiro Williman e Edmundo Lorenzo. Desapareceu en 1923 co golpe de estado de Primo de Rivera.