Federación Española de Municipios y Provincias
Asociación de entidades locais (concellos, deputacións, consellos e cabidos insulares) fundada en 1980 en Madrid, onde radica a súa sede. Os seus fins son: o fomento e a defensa da autonomía das entidades locais; a representación e defensa dos intereses xerais das entidades locais ante outras Administracións públicas; a prestación de toda clase de servicios ás entidades locais; o desenvolvemento e consolidación do europeísmo no ámbito local, baseado na autonomía e solidariedade entre todas as entidades locais; a promoción e favorecemento das relacións de amizade e cooperación coas entidades locais e as súas organizacións no ámbito internacional, especialmente o europeo, iberoamericano e árabe; e a xestión de programas gobernamentais destinados ao ámbito local. O 12 de xaneiro de 1980 celebrouse en Madrid unha xuntanza de alcaldes da que xurdiu unha xunta xestora presidida polo alcalde de Málaga, Pedro Aparicio Sánchez, que tramitou a constitución formal da Federación Española de Municipios (23.6. 1980). Na primeira asemblea xeral (Málaga, xuño de 1981) acordouse a incorporación das entidades provinciais e insulares e elixiuse presidente o alcalde malacitano. En outubro de 1983 elixiuse presidente o alcalde de Zaragoza, Ramón Sainz de Varanda, a quen substituíu o alcalde de Valladolid, Tomás Rodríguez Bolaños, (elixido en novembro de 1985 e reelixido en decembro de 1987). Na quinta asemblea (novembro de 1991) accedeu á presidencia o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez Vázquez. En novembro de 1993 celebrouse na Coruña unha asemblea xeral extraordinaria, para debater o marco de competencias das entidades locais. En novembro de 1995 foi elixida presidenta a alcaldesa de València, Rita Barberá Nolla, reelixida en 1999.