feldespato

feldespato

(

s m [MINERAL]

Grupo de minerais de fórmula xeral XZ4O8 (onde X pode ser sodio, potasio, calcio ou bario e Z, silicio e aluminio). Pertence ao grupo dos tectosilicatos, é dicir, os tetraedros do SiO4 que van enlazados entre eles por tetraedros de Al2O3 en todas as direccións do espacio. Todos os minerais deste grupo son solucións sólidas de ortosa ou ortoclasa (KAlSi3O8), albita (NaAlSi3O8) e anortita (CaAl2Si2O8). Todos os minerais deste grupo parécense moito polas propiedades físicas, pero segundo a cristalización, forman dous subgrupos: o do feldespato de potasio e bario, de simetría monoclínica, e o de sodio-calcio (plaxioclasa), de simetría triclínica. Dos feldespatos potásicos, o máis importante é a ortosa; a sanidina é un polimorfo hipertérmico monoclínico e preséntase nas rocas volcánicas; a microclina é triclínica e presenta unha gran variedade de rocas ígneas e metamórficas; e a adularia é unha variedade (monoclínica ou triclínica) de hábito característico que se presenta en veas hidrotermais. A característica máis importante dos feldespatos son as maclas polisintéticas. Todos estes minerais son os compoñentes máis abundantes das rocas ígneas e metamórficas. Empréganse na fabricación da cerámica e da porcelana.

Palabras veciñas

felaptón | felar | feldespático -ca | feldespato | feldespatoide | Feleirós | felepa