galeguismo
(
-
s
m
[POLÍT/HIST]
Movemento social, político e cultural que defende a identidade galega, a potenciación da súa personalidade e a reivindicación política de Galicia como ente nacional diferenciado. Iniciado a mediados do s XIX, no contexto da constitución do estado liberal, presenta características similares, aínda que diferenciadas, cos que se desenvolveron paralelamente noutras zonas da periferia española, particularmente en Catalunya. Inicialmente estivo limitado a círculos intelectuais con escasa conexión popular e, unicamente ben entrado o s XX e fundamentalmente a raíz da elaboración e aprobación do Estatuto de Autonomía, as masas populares participaron de xeito activo na reivindicación dos seus principios. Aínda que algúns historiadores sitúan a orixe da conciencia galeguista na época da Ilustración coas achegas de frei Martín Sarmiento, Bieito Feijoo, Lucas Xosé Labrada Romero e Xosé Cornide Saavedra, entre outros, e destacan como un feito de gran transcendencia política a soberanía exercida pola Xunta Suprema do Reino de Galicia durante a Guerra da Independencia, tradicionalmente distínguense tres etapas na evolución do galeguismo: provincialismo, rexionalismo e nacionalismo.
O provincialismo
Comprende o período no que se defenderon as prerrogativas políticas de Galicia, entendida esta como unha provincia, como unha unidade política diferenciada, o antigo Reino de Galicia, fronte ao poder central do estado liberal, que impuxo a división provincial de 1833. Estendeuse entre 1840 e 1885, aproximadamente. Para os seus primeiros defensores, influenciados polas ideas románticas da época, Galicia era unha patria que había que redimir e que debía gobernarse mediante institucións que lle permitisen desenvolverse de forma autónoma. As canles máis utilizadas para difundir as súas ideas foron a prensa de Santiago de Compostela e A Coruña, entre outras publicacións, El Recreo Compostelano e El Centinela de Galicia, e o parladoiro da Academia Literaria compostelá. Dende estes medios, configurouse a necesidade de dotar a Galicia de lexislación e institucións propias. Os primeiros provincialistas foron principalmente mozos universitarios e profesionais liberais vinculados ao progresismo, incluídos na chamada Xeración do 46, entre os que destacaron Antolín Faraldo, Antonio Neira de Mosquera, Antonio Romero Ortiz, Leopoldo Martínez Padín, Pío Rodríguez Terrazo, Vicente Cocina, os irmáns Ruiz Figueroa e Francisco Añón. O seu ideal era o republicanismo federal. Este modelo fracasou tralo pronunciamento de Solís e os fusilamentos de Carral (1846), que se converteron no acto fundacional do galeguismo e achegaron os seus primeiros mártires. Despois destes acontecementos produciuse unha renovación xeracional e o desenvolvemento dun segundo provincialismo, nos anos 50 e 60, caracterizado polo rexurdimento literario, coa publicación de A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos Villar (1853) e a celebración dos Xogos Florais, entre outros, e que culminou coas obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez; pola consolidación dunha historiografía galeguista, co labor de Bieito Vicetto e Manuel Murguía; e polo desenvolvemento teórico e ideolóxico do movemento, no que destacou a achega de Murguía coa formulación das bases do concepto de nación para definir Galicia. Trala revolución de 1868 e durante a Primeira República, o galeguismo asociouse co federalismo, aínda que os ideais de ambos non coincidían plenamente. O Partido Federal Galego concentrou as demandas da autonomía galega na defensa de que Galicia se convertese nun cantón rexido por un estatuto ou constitución cantonal no que se fixarían as relacións deste co poder central. O fracaso xeral do federalismo fixo que esta corrente perdese forza pero tivo unha importante repercusión sobre o galeguismo, pois os dous movementos defenderon un modelo común de Estado español, a república federal. Representante desta confluencia entre provincialismo e federalismo foi o núcleo compostelán liderado por Xosé Sánchez Villamarín.
O rexionalismo
Fracasada a Primeira República e instaurado o novo réxime político da Restauración, confluíron no galeguismo tres tendencias ideolóxicas que conviviron de xeito máis ou menos conflitivo: a liña provincialista, de carácter progresista, que evolucionou cara ao rexionalismo, liderada por Murguía e que reivindicaba a autonomía pero rexeitaba o independentismo e na que destacaron, entre outros, Eduardo Pondal, Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao, Eladio Rodríguez e Manuel Curros Enríquez; a liña tradicionalista, que introduciu por primeira vez un carácter conservador no movemento e que centrou a súa ideoloxía no catolicismo integrista e na defensa dos valores do pasado, representada por Alfredo Brañas; e a liña federalista, que constituíu o sector máis esquerdista e introduciu o democratismo extremo e a descentralización coa aprobación en 1887 do “Proyecto de Constitución para el Estado Galaico”, representada, entre outros, por Aureliano Pereira. Ademais da diversificación ideolóxica, houbo unha maior presencia na prensa e xurdiron as primeiras publicacións integramente en galego, entre as que destacou o xornal ourensán O Tío Marcos da Portela, dirixido por Valentín Lamas Carvajal. Malia as súas discrepancias, as tres tendencias coincidiron na consideración de Galicia como unha rexión ou nacionalidade con dereito á revitalización das súas particularidades culturais e lingüísticas e, sobre todo, a unha autonomía política, así como nas críticas contra as principais eivas políticas da Restauración (centralismo, caciquismo e outras) e as negativas consecuencias que delas se derivan para Galicia (postergación, atraso, emigración e outras). As tres tendencias confluíron na fundación en Santiago de Compostela da Asociación Regionalista Gallega (1890), que tivo escasa actividade política. Ademais desenvolvéronse outras organizacións de escaso eco popular como a Liga Gallega de Coruña (1897), presidida por Murguía, e a Liga Gallega de Santiago (1898), presidida por Salvador Cabeza de León. Malia todo, os rexionalistas contribuíron á creación da Real Academia Gallega (1905). Fóra de Galicia, cómpre destacar o labor que por estes anos levaban a cabo os emigrantes galegos de Cuba e Arxentina, a través dos Centros Galegos e doutras entidades similares. En 1907 fundouse Solidaridad Gallega, coalición semellante a Solidaritat Catalana que pretendía o éxito político para levar adiante a rexeneración e modernización de Galicia e de España. Estivo composta pola confluencia dos rexionalistas, liderados por Manuel Murguía, Uxío Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire e os irmáns Salvador e Xoán Golpe, entre outros; un sector do republicanismo, liderado por Xosé Rodríguez Martínez e Segundo Moreno Barcia; e os neocarlistas, liderados por Xoán Vázquez de Mella. Reunidos na Coruña, en setembro dese ano deron a coñecer o seu ideario político a través do Manifiesto Solidario. Acadaron unha notable presencia na política municipal e no agrarismo ata 1912
.O nacionalismo
Os primeiros nacionalistas: as Irmandades da Fala
O nacionalismo xurdiu cara a 1916 como un movemento que acollía un maior raio de acción social ca o rexionalismo, máis uniforme e con alternativas políticas concretas e que aproveitou ademais un momento de certo optimismo no eido económico e social. O punto de partida sitúase nas actividades realizadas por un grupo de galegos residentes en Madrid, como Rodríguez Sanz e Luís Porteiro Garea, entre outras a publicación da revista Estudios Gallegos e, sobre todo, na reunión celebrada na Coruña o 18 de maio de 1916, nos locais da Real Academia Gallega, seguindo a convocatoria de Antón Villar Ponte, na que se fundou a Irmandade dos Amigos da Fala. Esta iniciativa foi imitada noutras localidades, como Monforte, Pontevedra, Ourense e Vilalba. Defendían a cultura galega en todos os seus eidos, o espallamento da lingua galega, tanto oral coma escrita, e o fomento do aprecio pola historia de Galicia. Nestes primeiros momentos, outras motivacións, como a descentralización política e a análise da problemática económica galega, ficaron nun segundo plano. Dende o seu voceiro oficial, A Nosa Terra, comezaron a aparecer opinións que ían máis aló do culturalismo folclórico e que defenderon converter o movemento nunha forza política. As diferencias de criterio sobre a definición do movemento e a disputa doutrinal entre rexionalistas e nacionalistas produciron cambios na cúpula dirixente do grupo. O sector nacionalista afianzouse fronte aos sectores católico e rexionalista e, en 1918, celebrouse en Lugo a Primeira Asambleia Nazonalista, na que por vez primeira, os asistentes se autodenominaron nacionalistas. Defendeuse unha autonomía integral para Galicia dentro dun estado federal, a creación dun poder autónomo, representado por un Xuntoiro ou Parlamento Galego, e a consecución da cooficialidade do galego xunto co castelán, entre outros aspectos. A obra de Vicente Risco, o seu principal ideólogo, Teoría do Nacionalismo galego (1920), foi decisiva na formulación do discurso nacionalista previo á Guerra Civil. Risco concibiu a nación como un feito natural, biolóxico, independente da vontade das persoas e entendeu a etnicidade (a lingua e a cultura) como o principal factor de conservación e diferenciación da nacionalidade. Por outra banda, negou a existencia dunha nación española afirmando que o Estado español era plurinacional e estaba formado por Castela, Catalunya, Euskadi e Galicia. Non obstante , as discrepancias existentes entre os intregrantes das Irmandades levaron a diferenciar catro tendencias: a neotradicionalista, herdeira do rexionalismo de Brañas, centrada nunha concepción católica do mundo e defensora da tradición, antiliberal e antimarxista, liderada por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Xosé Filgueira Valverde, entre outros; a liberal-democrática, continuadora do rexionalismo liberal e defensora dun reformismo progresista, liderado por unha minoría dirixente procedente dos diversos estratos sociais, e na que destacaron os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, Luís Peña Novo, Víc22tor Casas, Castelao, Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade, Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carballo Calero, entre outros; a independentista, que consideraba que Galicia non pertencía a España e defendía o seu dereito á independencia absoluta, e que estaría representada por Fuco Gómez e Vicente Barros, líderes dos grupos arredistas asentados en Cuba e Bos Aires, respectivamente, e Álvaro de Las Casas, en Galicia; e a socialista, que tentaba unha postura sincrética e que tivo como figuras sobranceiras a Xaime Quintanilla, Ramón Suárez Picallo e Xoán Xesús González. Malia os puntos de encontro, na IV Asemblea, celebrada en Monforte (1922), produciuse a escisión, configurándose dúas organizacións: a Irmandade da Coruña, partidaria da participación política, e a Irmandade Nazonalista Galega, liderada por Risco e partidaria dunha liña de acción cultural. A acción política das Irmandades non foi moi destacada, centrouse na realización de conferencias e mitins, na aparición irregular na prensa diaria, na promoción de actividades culturais e no intento de achegarse ao agrarismo.
Da ORGA ao Partido Galeguista
A Ditadura de Primo de Rivera trouxo o cese obrigado da actividade política. Os esforzos nacionalistas centráronse no terreo intelectual e creativo, podéndose falar dun segundo rexurdimento cultural plasmado na literatura, coa obra de Manuel Antonio, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Rafael Dieste e Castelao, na prensa periódica, coa revista mensual Nós (1920) que baixo o liderado de Risco deu nome a toda unha xeración intelectual, e na creación do Seminario de Estudos Galegos (1923), entre outros feitos. Un sector do nacionalismo galego (Risco, Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, entre outros) aceptou a canle descentralizadora que a ditadura semellaba ofrecer e aprobou un proxecto de Mancomunidade. Non obstante , a limitación na política autonomista e a súa demora levounos a formar parte da oposición e ao intento de desmantelamento do galeguismo por parte do Estado. A Irmandade ourensá prácticamente desapareceu e a coruñesa aliouse a finais de 1929 cos republicanos de Santiago Casares Quiroga para fundar a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA). O cariz autonomista que foi tomando o partido e o progresivo interese de Casares Quiroga polos temas republicanos produciu o descontento do resto dos nacionalistas, que tentaron resucitar as antigas Irmandades. Nas primeiras eleccións convocadas pola Segunda República obtiveron a acta de deputado Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Ramón Suárez Picallo, que se integraron no grupo da Minoría Gallega, xunto cos deputados da Federación Republicana Gallega (FRG) e outros independentes, aínda que o abandonaron ao constatar que a principal preocupación do grupo non era a de lograr unha república federal. Este fracaso contribuíu a acelerar o proceso de unificación política do nacionalismo e na Asemblea celebrada en Pontevedra os días 5 e 6 de novembro de 1931, acordouse fundar un partido nacionalista unificado, o Partido Galeguista (PG), que contou cun programa no que se recollían aspectos xa clásicos do nacionalismo, como a autonomía integral e municipal, o recoñecemento xurídico-administrativo das parroquias, a cooficialidade do galego e do castelán e a reinstauración do dereito civil galego, e no que se introducían outros novos, como o recoñecemento dos dereitos sindicais, a extensa municipalización dos servicios públicos e a igualdade de dereitos políticos para a muller. O PG contribuíu á consolidación dos símbolos de Galicia (o himno, a bandeira e a fixación do 25 de xullo como Día da Patria Galega), e tivo unha actuación decisiva na loita pola consecución do Estatuto de Autonomía para Galicia apoiando a convocatoria do concello de Santiago de Compostela. Comprobado o fracaso de concorrer en solitario aos comicios de abril de 1933 e convencido de que coa dereita no poder non se conseguiría acadar o obxectivo autonomista, o PG aprobou a súa inclusión na Frente Popular, o que provocou o abandono do mesmo por parte dalgunhas figuras do seu sector máis conservador, como Xosé Sesto López, Xosé García Vidal, Xosé Filgueira Valverde, Vicente Risco e Xosé Mosquera Pérez. Nas eleccións de febreiro do 1936 obtiveron acta de deputado Castelao, Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte. Ese mesmo ano, o 28 de xuño, foi aprobado en plebiscito o Estatuto de Autonomía. Aínda que por mor da Guerra Civil non entrou en vigor, foi a base para a definición de Galicia como nacionalidade histórica polas Cortes Constituíntes formadas trala morte de Franco.
O nacionalismo galeguista durante o Franquismo
O réxime franquista non permitiu, en nome da unidade de España, ningunha demostración do que denominaban nacionalismo separatista, polo que cortaron radicalmente todo tipo de manifestación galeguista no interior e trataron de silenciar as actividades do movemento no exterior. Os líderes galeguistas seguiron vieiros diferentes: algúns quedaron no interior e mesmo colaboraron co novo réxime, como Ramón Otero Pedrayo e Xosé Filgueira Valverde; outros formaron parte do exilio republicano, como Castelao, Ramón Suárez Picallo, Ramón Martínez López, Ricardo Carballo Calero e Rafael Dieste; e outros foron fusilados, como Alexandre Bóveda e Víc22tor Casas, ou asasinados sen xuízo previo, como Ánxel Casal, Xoán Carballeira e Camilo Díaz Baliño. Na evolución do nacionalismo durante a etapa franquista distínguense tres fases. A primeira comprende ata 1950 e estivo centrada na actividade desenvolvida no exterior, especialmente en América, mentres que no interior de Galicia se producían pactos coas forzas republicanas e de esquerdas (Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas) ou se iniciaba unha dura resistencia armada, organizada principalmente polo PCE, que se prolongaría ata os anos 50. A finais de 1944 organizouse en Toulouse o Bloque Repubricán Nacional Galego que publicou o boletín lingüístico Galicia, unha das primeiras voces da resistencia no exilio. Coa ocupación alemá de Francia, a oposición franquista trasladouse a América. No mesmo 1944 constituíuse en Montevideo o Consello de Galiza, especie de goberno galego republicano no exilio encabezado polos catro deputados galegos exiliados: Castelao, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos, do PG, e Elpidio Villaverde, de Izquierda Republicana; publicouse a obra de Castelao Sempre en Galiza, auténtico ideario do nacionalismo republicano galego; e viu a luz unha carta de Salvador de Madariaga contra Franco que tivo gran repercusión internacional. Castelao converteuse no auténtico símbolo da galeguidade e, dende a presidencia do Consello de Galiza, representou á Galicia republicana nas conversas e pactos que mantivo co resto das forzas políticas españolas no exilio, entre os que se pode destacar o restablecemento da alianza GALEUZCA cos nacionalistas vascos e cataláns. A morte de Castelao en xaneiro de 1950 marcou un cambio radical na dinámica de oposición a Franco do galeguismo no exilio ao entrar o Consello de Galicia nunha imparable decadencia. Mentres, no interior de Galicia a comprobación da permanencia do réxime franquista e a represión exercida sobre os principais líderes do momento espallou, entre os nacionalistas, unha sensación de fracaso e de desorientación política que, unidas ao progresivo distanciamento co nacionalismo do exilio, os impulsou a buscar novas estratexias. Comezou entón unha segunda etapa nacionalista caracterizada polo abandono da oposición política en Galicia, coa disolución do Partido Galeguista, e o impulso dunha vía culturalista. Esta transición da loita política á cultural foi protagonizada polos membros máis novos do galeguismo republicano, como Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, e os superviventes da Xeración Nós, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo, e tivo como manifestación máis visible a fundación da editorial Galaxia nese mesmo ano. Ademais dunha actividade editorial, os membros de Galaxia funcionaron como un grupo político heteroxéneo que mantivo relacións coa oposición dentro e fóra de España e elaboraron unha estratexia política seguindo as pautas marcadas por Ramón Piñeiro, que defendía unha acción cultural que permitise a galeguización efectiva da sociedade galega. Esta orientación culturalista acabou mantendo un dobre enfrontamento, tanto cos galeguistas do exilio como coas novas xeracións que se incorporaron ao movemento a fins da década dos cincuenta, de xeito que se abriu unha nova etapa coa reconstrución da tradición partidaria do galeguismo. Nesta terceira fase, coñecida como o segundo nacionalismo, xunto á intensa actividade cultural desenvolvida a finais dos anos 50 polas novas xeracións incorporadas ao galeguismo, retomouse a orientación política, xurdindo agrupacións políticas clandestinas que, en xeral, combinaban a ideoloxía nacionalista con posicións de esquerda próximas ao marxismo. En 1958 un grupo de escritores e artistas que vivían en Madrid, entre outros, Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín e Reimundo Patiño, crearon o grupo Brais Pinto que, ademais de proseguir na liña culturalista, comezou a preocuparse por atopar unha saída ao inmobilismo político do piñeirismo. Trasladada esta inquedanza a Galicia, celebráronse varias asembleas clandestinas das que naceu o Consello da Mocidade, con Antón Moreda como o seu secretario xeral. Adoptou como presuposto ideolóxico xenérico a revitalización do nacionalismo, mais a diversidade político-ideolóxica interna rematou provocando a ruptura e a súa práctica desaparición en 1964. Desta experiencia xurdiron os novos partidos políticos que se definían como nacionalistas. En 1963 naceu o Partido Socialista Galego (PSG), integrado por antigos galeguistas do PG e da súa mocidade (FMG), por universitarios e por persoas non vinculadas ata entón ao galeguismo. Como principios xenéricos tiña o socialismo, o federalismo e a democracia e, dende 1974, adoptou unha nova liña doutrinal baseada, entre outros aspectos, no socialismo democrático revolucionario, no nacionalismo federalista, no anticapitalismo e no anticolonialismo. Entre os seus membros atopábanse Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Francisco Fernández del Riego, Amado Losada, Xosé Manuel Beiras e Ramón Lugrís. En 1964 fundouse a Unión do Pobo Galego (UPG), integrada polo sector máis radical do escindido Consello da Mocidade, militantes pronacionalistas do PCE e outros nacionalistas de diversa adscrición. Defendía a autodeterminación, o anticolonialismo e o antimperialismo, a galeguización, a unión federal dos pobos da Península Ibérica e a recuperación do nacionalismo dende a ideoloxía da esquerda revolucionaria. Dende 1970 protagonizou unha maior actividade política que provocou unha maior represión policial contra dos seus líderes e militantes. Orientouse dun xeito máis decidido cara a unha acción de masas, que tivo os seus froitos no eido sindical, coa creación da primeira organización sindical nacionalista, o Sindicato Obreiro Galego (SOG), e outros sindicatos sectoriais que nun acto fundacional celebrado en abril de 1975, constituíron, xunto con outras formacións, a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), como organización suprapartidaria de coordinación de todas esas frontes. Como froito da súa evolución ideolóxica e dos contactos mantidos con organizacións radicais ou independentistas europeas e doutras nacionalidades de España, emprendeu a formación dun grupo armado, que realizou accións esporádicas en 1974 e 1975, desarticulado en agosto de 1975. Foron fundadores da UPG Arjona e a súa muller, Celso Emilio Ferreiro, Reimundo Patiño, Foz, Xosé Luís Méndez Ferrín e Luís Soto, aos que se adheriron María Xosé Queizán e Bautista Álvarez.
O galeguismo durante a Transición
Trala morte de Franco no ano 1975 e ante a proposta de reforma política liderada por Adolfo Suárez, a oposición democrática galega dividiuse entre os que aceptaban esa fórmula e os que a rexeitaban. Entre os primeiros situábanse os principais partidos e sindicatos da esquerda non nacionalista: Partido Comunista de Galicia (PCG), Partido Socialista Obrero Español (PSOE), Partido del Trabajo de España (PTE), Organización Revolucionaria de Trabajadores (ORT), Comisións Obreiras (CC OO), Unión General de Trabajadores (UGT) e Unión Sindical Obrera (USO), e algunhas figuras do galeguismo histórico, como Valentín Paz Andrade, que en xullo de 1976 constituíron a Táboa Democrática de Galicia, na que se avogaba pola recuperación do Estatuto de Autonomía de 1936. Pola súa banda, as principais forzas nacionalistas, a UPG e o PSG, constituíron en 1976 o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), ao que se uniron o Partido Galego Social Demócrata (PGSD, fundado en 1974 e liderado por José Luis Fontenla), o Partido Popular Galego (PPG, de tendencia democristiá, liderado por Xaime Isla Couto e Fernando García Agudín), o Movemento Comunista de Galicia (MCG) e o Partido Carlista. O Consello de Forzas Políticas Galegas elaborou as Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal, nas que se defendía a creación dun goberno galego provisional e soberano, se fixaban as futuras competencias do estado galego e as do estado federal e se asumía o compromiso de non pactar con forzas estatais. Non obstante , a alternativa non prosperou porque, ademais da oposición do resto da esquerda española, as discrepancias internas provocaron unha ruptura que rematou por facelo desaparecer a finais dese mesmo ano. As súas teses foron defendidas dende entón pola AN-PG. As primeiras eleccións democráticas de 1977 supuxeron un rotundo fracaso para os partidos nacionalistas, pois ningún deles logrou obter representación parlamentaria. A inestabilidade política do nacionalismo galeguista manifestouse na aparición de novos partidos e colectivos, en moitas ocasións cunha efémera existencia. Entre os que tiveron un maior peso relativo destacan o Bloque Nacional Popular Galego (BNPG), froito da unión da UPG e da AN-PG; o Partido Obreiro Galego (POG), xurdido dunha escisión do anterior, de carácter menos dogmático e máis posibilista e liderado por Camilo Nogueira; e o refundado Partido Galeguista (PG), formado por personalidades do galeguismo histórico e os restos do PPG e do PGSD. O proceso autonómico galego supuxo unha nova fenda de cara á unidade nacionalista, pois mentres o BNPG rexeitaba o marco estatutario por parecerlle insuficiente, o POG, o PSG e o PG defendían a validez dese marco para loitar dende el por maiores niveis de autogoberno. A coincidencia táctica destas tres organizacións levounas a confluír a principios de 1979 na coalición electoral, Unidade Galega, que reclamaba o voto do electorado galego para constituír un grupo parlamentario nacionalista que puidese negociar un estatuto de autonomía digno para Galicia e que servise como primeiro paso para conseguir un estado federal. As diferencias entre os seus integrantes, as presións políticas externas e as vicisitudes do proceso autonómico remataron por desfacer a coalición, situación que se reflectiu na actitude dos partidos ante a convocatoria do referendo para aprobar o Estatuto, na que o PG solicitou o voto afirmativo, o POG defendeu o voto en branco e o PSG e o BNPG (coaligados na Mesa de Forzas Políticas Galegas) propugnaron o negativo. Na Comisión dos 16, encargada da redacción dun anteproxecto de estatuto, participaron os partidos parlamentarios (AP, UCD, PSOE, PCE) e representantes do PG, POG e PTG, autoexcluíndose o PSG e o BN-PG. Despois do referendo popular celebrado o 21 de decembro de 1981, foi aprobado polas Cortes e promulgado pola Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril. Malia as limitacións do marco estatutario e o autonomismo practicado en xeral polos partidos gobernantes, fóronse dando os primeiros pasos cara á normalización lingüística e ao asentamento dunha simboloxía e duns referentes de identidade galegos que ata había pouco tempo só defendían os nacionalistas.
O galeguismo tralo Estatuto de 1981
Ó longo das últimas décadas do s XX e no comezo do s XXI, a evolución dos partidos galeguistas foi de distinto signo. Cómpre destacar a feble presenza electoral e os resultados modestos que co paso do tempo foron aumentando. En todas as eleccións autonómicas os partidos nacionalistas acadaron representación parlamentaria, dende os 4 deputados das primeiras eleccións de 1981 (3 polo BN-PG e 1 por EG) ata os 17 obtivos polo BNG nas eleccións de 2001. No Parlamento español non se acadou representación parlamentaria ata 1996 cando o BNG obtivo dous deputados (F. Rodríguez e G. Vázquez), formación que nas eleccións de 2000 acadou tres actas de deputado (Francisco Rodríguez, Guillerme Vázquez e Carlos I. Aymerich) e unha de senador (Anxo Manuel Quintana). Por outra banda, o nacionalismo representado polo BN-PG abriuse a sectores sociais e políticos máis amplos e nunha asemblea celebrada a finais de 1982 naceu o Bloque Nacionalista Galego (BNG). O seu carácter interclasista acentuouse coa integración dun sector do PSG e doutros persoeiros independentes do nacionalismo; posteriormente, outros colectivos, como os procedentes de Unidade Galega, PNG e Inzar, pasaron a engrosar as listas de cadros e militantes da formación nacionalista. O BNG aceptou as regras do xogo institucional e participou activamente na vida parlamentaria galega baixo o liderado de X. M. Beiras e converteuse no principal referente nacionalista e na terceira forza política galega. A liña socialista e pragmática representada polo POG, pasou a denominarse Esquerda Galega (EG) a partir de decembro de 1980, coa integración de militantes de distintas formacións (PTG, PSG, PCG, MCG e BN-PG). No seu programa político aceptábase o marco constitucional e autonómico como espazo para levar a cabo un proxecto de cambios sociais e políticos e como primeiro paso cara ao obxectivo final da autodeterminación de Galicia. En 1984, unha parte do PSG, que non aceptara integrarse no BNG, fusionouse con EG e deu lugar ao PSG-EG. O seu declive político, iniciado en 1989, non se evitou a pesar da creación de Unidade Galega (1993) e en 1994 unha parte de EG integrouse no BNG mentres outro sector confluía con Esquerda Unida, formando EU-EG. As tentativas de artellar un partido nacionalista de centro-dereita estable e politicamente coherente fracasaron. En 1984 creouse Coalición Galega (CG), que agrupou a sectores vinculados á desaparecida UCD, liderados por Euloxio Gómez Franqueira, Antonio Díaz Fuentes e Pablo González Mariñas, entre outros, e do escindido PG (Xosé Henrique Rodríguez Peña). Logrou un notable éxito nas eleccións autonómicas de 1985, con once escanos; sen embargo, o fracaso nas eleccións seguintes provocou unha crise interna e a posterior ruptura, traducida na separación do sector máis progresista e nacionalista, que formou en 1987 o Partido Nacionalista Galego (PNG), que pouco despois se uniu ao que restaba do PG, formando o PNG-PG. As dúas formacións participaron no goberno tripartito, formado tralo triunfo da moción de censura presentada contra o presidente Gerardo Fernández Albor, feito que supuña que por primeira vez partidos nacionalistas galegos tiñan competencias no goberno autonómico. Tralas eleccións autonómicas de 1989, o PNG-PG, liderado por Xosé Henrique Rodríguez Peña, integrouse pouco despois no BNG, mentres que CG esmoreceu lentamente e desapareceu practicamente despois de 1993. Unha tendencia radical e minoritaria estaba representada polas organizacións independentistas que defenderon a validez da loita armada. Entre elas destaca, Galiza Ceibe (1977), produto dunha escisión da UPG, que artellou unha fronte armada denominada Loita Armada Revolucionaria, que levou a cabo varias accións terroristas sen víctimas entre 1978 e 1980; o Exército Gerrilheiro do Povo Galego Ceibe, nacido en 1986, integrado por militantes de Galiza Ceibe e algúns membros radicalizados da UPG, que protagonizou diversas accións violentas contra intereses particulares, bancarios e industriais; o Partido Comunista de Liberación Nacional, xurdido en 1986 doutra escisión da UPG e que confluíu con membros de Galiza Ceibe e outros grupos radicais para formar, ao ano seguinte, a Frente Popular Galega (FPG), liderada por Mariano Abalo; e a Assembleia do Povo Unido (APU), organización independentista e reintegracionista creada por un sector esgazado da FPG en 1989. No eido sindical, trala morte de Franco foise configurando unha liña nacionalista diferenciada da representada por organizacións de implantación estatal como CC OO, UGT e USO. O Sindicato Obreiro Galego (SOG), xunto con outros sindicatos sectoriais nacionalistas e a Central de Traballadores Galegos (CTG), fusionáronse formando, en 1981, a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). Os bos resultados acadados nas eleccións sindicais facilitaron o achegamento doutras formacións, como a Central Sindical Galega (CSG), pero a súa dependencia do BNG provocou unha escisión interna que se saldou co abandono da organización por parte dun sector próximo politicamente ao PSG-EG, que formou en 1985 a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG). En 1993 produciuse a reunificación de ambas, nacendo a Confederación Sindical Galega (CIG). Pola súa banda, o sindicalismo labrego de orientación nacionalista, ten no Sindicato Labrego Galego (SLG) o seu mellor expoñente e presenta, en liñas xerais, unha tendencia ascendente e unha considerable capacidade de mobilización no agro, debido, principalmente, aos problemas derivados da adaptación da agricultura e da gandería galegas ás normas da Política Agrícola Común europea. -
s
m
[LING]
Expresión, construción ou vocábulo propios do galego que se usa noutra lingua.