francoprovenzal
(
Conxunto de variedades lingüísticas galorrománicas que se falan nunha rexión extensa ao redor de Lyon, Roanne, Saint-Étienne, Bourg, Pontarlier, Grenoble, Chambéry, Val de Aosta, Xenebra, Lausanne e Neuchâtel. A denominación de francoprovenzal foille dada por G. I. Ascoli en 1873. Entre os seus trazos lingüísticos cómpre dicir que o vocalismo é moi afín ao provenzal e o consonantismo máis acorde co francés. Así, no vocalismo destaca que o a tónico se conserva coma no provenzal, pero convértese en ie por influencia de palatal (pra ‘prado’ < lat PRATU); e o -u e -o finais permanecen como -o (desiro ‘quero’). No consonantismo son características as palatalizacións. Con respecto á morfoloxía cómpre destacar os posesivos (notron, votron) e a desinencia de copretérito (purt?avo ‘eu levaba’, mẽdøzivo ‘eu comía’). O léxico é moi conservador e mesmo se poden atopar voces prerromanas. Unha bibliografía francoprovenzal, establecida por Sala e Reinheimer, apareceu na Revue de Linguistique Romane (1967 e 1968).