Frankfurt, escola de

Frankfurt, escola de

Movemento filosófico e sociolóxico alemán nacido ao redor do Instituto para a Investigación Social da Universidade de Frankfurt (1923). Nela agrupáronse unha serie de filósofos que tiñan en común o intento de elaborar unha crítica da economía, da política e do modelo de razón instrumental que se impuxo nas modernas sociedades industrializadas, polemizando contra o exceso de racionalismo e o neopositivismo. Inspiráronse en K. Marx e S. Freud e aplicaron as súas categorías ás novas realidades sociais, aínda que rexeitaron as ideas marxistas da primacía da infraestrutura económica e da loita de clases como motor da historia e a freudiana de que a represión dos instintos sexuais fose básica e necesaria para o funcionamento de calquera sociedade. Denominaron a súa forma de análise social teoría crítica e desenvolvérona na revista Zeitschrift für Sozialforschung. Afirmaron que non existe a imparcialidade, que a presunta obxectividade da racionalidade tradicional serve para agochar intereses ideolóxicos e económicos e que non se pode ser neutral no referente aos xuízos de valor, polo que a teoría crítica debería estar ao servizo da liberación do home. Os seus intereses teóricos centráronse en dous aspectos principais, a crítica das sociedades industriais avanzadas, tanto as capitalistas como as socialistas, posto que nelas a democracia é só aparente, substituíndo dun xeito velado formas de ditadura encubertas e nas que o sistema económico desemboca na explotación dos homes e a destrución da natureza; e a concepción do coñecemento como dominio como consecuencia da filosofía cartesiana e da Ilustración, o que levou ás sociedades industrializadas a entender a natureza como unha cousa e a utilizar as realidades cousificadas como instrumentos de produción e beneficio. Mantiveron que o proletariado perdeu a súa condición tradicional de axente revolucionario e que será substituído polos traballadores explotados, os inmigrantes do Terceiro Mundo e os estudiantes. Entre os seus compoñentes destacaron M. Horkheimer (1895-1969), H. Marcuse (1898-1980), T. W. Adorno (1901-1969), E. Fromm (1900-1980) e J. Habermas (1929). Tivo unha grande popularidade entre os manifestantes de maio de 1968.