Frente Popular Galega
Organización frontista de esquerda nacionalista. Fundouse en 1987 como resultado da confluencia do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), Galicia Ceibe e outros grupos de carácter marxista-leninista e independentista. A súa presentación pública tivo lugar o 10 de marzo de 1988, e no seu documento fundacional declara o seu carácter de organización independentista e fai un chamamento á amnistía para todos os demócratas que se enfrontan co Estado español. Entre os colectivos integrantes xurdiron tres elementos de discusión: a cuestión da normativa linguística, a división no campo anti-represivo e as alternativas militancia política-militancia armada. Na Asemblea Nacional Extraordinaria convocada polo sector oposto ao PCLN en xuño de 1989, tivo lugar a escisión que creou o grupo APU (Assembleia do Povo Unido). O portavoz da organización foi Mariano Abalo. Malia o seu escaso teito electoral, con electores localizados en comarcas concretas, foi quen de aglutinar arredor de si a unha importante parte do nacionalismo de esquerdas en loita pola constitución dunha república socialista galega.