galés -sa
(< topónimo Gales)
-
adx
Relativo ou pertencente a Gales, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Gales.
-
s
m
[LING]
Lingua da rama britónica do celta insular que se coñece en glosas a partir do s VIII. Conta cunha importante épica medieval que, malia se documentar en manuscritos medievais posteriores, en parte se pode retrotraer aos ss VI-VII. O galés antigo chega ata o s XII, o galés medio esténdese entre os ss XII-XVI e a partir deste século comeza o galés moderno. A primeira gramática, Cerddwriaeth Cerdd Dafawd, está datada ao redor de 1322 e atribuíuselle a Einion Offeiriad ou a Dafudd Ddu. En 2002 contaba cuns 400.000 falantes, sobre todo nas zonas norte e occidental de Gales (con outros 8.000 na Patagonia arxentina, chegados como colonos en 1865). É a única lingua celta con posibilidades de recuperación positiva: é cooficial en Gales no campo educativo, administrativo e comunicacional, e ten presenza no medio escolar, prensa, radio e TV e, unha mínima presencia, na xustiza, administración, investigación e outros campos. Utiliza o alfabeto latino con algunhas grafías para os sons especificamente galeses. Entre os seus trazos lingüísticos sobresaen a distinción de vocais longas e breves; o acento como norma recae na última sílaba, pero nalgunhas palabras polisílabas recae na penúltima; as consoantes oclusivas sofren o fenómeno da lenición (pont ‘ponte’), cando vai precedido de artigo convértese en b (bont ‘a ponte’), e o mesmo en torth (‘folla’) e dorth (‘a folla’); a formación do plural é complexa porque ás veces cambia a vogal gafr (‘cabra’)/geifr (‘as cabras’) ou, ás veces, engade un sufixo: afal (‘mazá’)/afalau (‘as mazás’); e a ordenación habitual da oración é VERBO + SUX + COMPL.
-
arte galesa
[ARTE]
Arte desenvolvida en Gales. É produto dunha sociedade guerreira e pastoral. Na Idade Media construíronse os castelos normandos de Beau Maris, Caernafon e Harlech, entre outros, e igrexas e abadías como Strata Florida ou Saint David. Os posteriores estilos británicos, adaptación dos continentais, foron adoptados na construción de grandes residencias ata o s XX. A mesma imitación europea reflíctese na escultura e na pintura. A auténtica arte galesa maniféstase nunha artesanía moi refinada, especialmente nas armas e na decoración interior das granxas. Entre as institucións museísticas destaca a National Gallery of Wales.
-
literatura galesa
[LIT]
Literatura en lingua galesa, existente desde o s VI, na que se distinguen catro períodos, o primeiro marcado polos bardos primitivos ou Cynfeirdd (Aneinin, Taliesin, Myrddin); o segundo período vai desde os ss XI-XIV e é o dos poetas medievais ou Gogynfeirdd; o terceiro é o dos Cywyddwyr (ss XIV-XVI), coa figura poética de Dafydd ap Gwilym; e un cuarto período de poetas modernos desde o s XVI. No s XX volveuse ás tradicións bárdicas medievais que se compaxinan coa apertura ás novas correntes. Entre as obras en prosa salientan as Leis do Rei Hywel Dda (s X), os Mabinogi, recompilacións de mitos antigos e de historias tradicionais dos ss V e VI, e a tradución da Biblia do bispo William Morgan (1588). No s XIX creouse unha tradición novelística e narrativa que precede as obras de Daniel Owen, ademais dos estudios gramaticais e lingüísticos.
-
música galesa
[MÚS]
A arpa, a frauta e o crwht son os instrumentos máis importantes no terreo musical galés cos que se acompañaba o canto. Do s XIV son uns cantos acompañados por arpa ou pezas para arpa soa que son as tabulaturas instrumentais máis antigas. Existen festivais moi importantes onde participan cantores de todo o mundo, xa que a tradición coral é moi relevante neste país.