Galeuzca, Pacto de
Acordo asinado o 25 de xullo de 1933 entre forzas políticas de Catalunya, Euskadi e Galicia que pretendeu conseguir maiores cotas de autogoberno e autonomía para as respectivas nacionalidades no marco dun estado federal ou confederal, ou encamiñarse directamente á independencia. Pretendeu, en primeiro termo, conxuntar o esforzo das tres nacionalidades para mellor valerse contra o centralismo, na loita pola consecucións dos estatutos de autonomía. O nome de Galeuzca foi utilizado por primeira vez polo líder catalán Conangla i Fontanilles en 1924, pero a historia das relacións entre as nacionalidades comezou coa sinatura da Triple Alianza (11.9.1923), con aspiracións independentistas, que curtou a Ditadura de Primo de Rivera. Coa instauración da Segunda República volveuse falar da consecución dunha entente entre as tres nacionalidades, lideradas no Congreso de los Diputados por Unió Democrática de Catalunya e Acció Catalana Republicana, polo Partido Nacionalista Vasco e por Ultreya e o Partido Galeguista. Trala sinatura do acordo e as eleccións de 1933, diversos factores, como as divisións internas, o incumprimento dos acordos e o triunfo da dereita reduciron o éxito do pacto, que non volveu a recuperarse ata o exilio. Na longa etapa do exilio os sucesivos acordos sucedéronse en 1941, en Bos Aires e en 1944 en México, pero a oposición do goberno no exilio ao Galeuzca, a situación internacional, que inclinou aos aliados na Segunda Guerra Mundial a manter o réxime franquista ante o perigo dunha insurrección comunista en España, e a indecisión dos exiliados na loita contra a ditadura fixeron diminuír as posibilidades do pacto como alternativa política viable. A fin do Pacto anunciouse en 1953, cando se recoñeceu internacionalmente o réxime franquista. A Declaración de Barcelona (1998) recolleu este espírito e postulou a necesidade de efectuar unha reformulación da concepción centralista do estado español que recoñecese institucionalmente a especificación dos dereitos nacionais respectivos.