Galicia, Capitanía Xeneral de

Galicia, Capitanía Xeneral de

Demarcación territorial establecida a comezos do s XVIII sobre a que exercía a súa xurisdición un capitán xeneral con sede na Coruña. A finais do s XV apareceu a figura do gobernador capitán xeneral de Galicia, coas atribucións de xefe militar e presidente da Audiencia. Os Reis Católicos nomearon a Fernando de Acuña para este posto (1480) e entre as súas atribucións destacaban levantar en armas unha ou varias comarcas e contar co apoio de toda a xente de armas do país. A Capitanía Xeneral de Galicia estivo en perigo de desaparición coa refundición das capitanías de Castela A Vella e Galicia (1893), pero a forte oposición da Asociación Regionalista Gallega levou ao goberno a retirar a proposta. Polo Real Decreto de 2 novembro de 1904 creouse a VII Rexión Militar do exército de terra, formada polas provincias de Valladolid, León, Salamanca, Oviedo, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. O Real Decreto de 17 de xaneiro de 1907 reorganizou a Capitanía Xeneral de Galicia da que formaron parte as provincias galegas. A adecuación da estrutura militar española á da OTAN levou a unha nova redución das capitanías xenerais en 1984, que finalmente limitou o seu número total para o territorio nacional a catro, con sedes na Coruña, Barcelona, Sevilla e Madrid.