Gándaras de Budiño

Gándaras de Budiño

Estación arqueolóxica paleolítica da bacía do río Louro en San Salvador de Budiño (O Porriño). Primeiro xacemento paleolítico galego estudado con metodoloxía científica, caracterízase polos seus materiais exclusivamente líticos sobre seixos de orixe fluvial de cuarzo ou cuarcita encadrados no Acheulense. Trátase dun xacemento ao aire libre con sucesivos períodos de ocupación no que se localizaron restos de fogares asociados a enxovais líticos e lugares con concentracións de útiles, núcleos, lascas e fragmentos naturais. O estudo destes materiais permitiulle a M. D. Echaide elaborar un sistema clasificatorio de instrumental lítico, que tivo en conta as peculiaridades propias das bifaces galegas.