Gándaras de Budiño, As
Denominación oficial que recibe, como espazo protexido da Rede Natura 2000, o conxunto de áreas húmidas das marxes do río Louro, aloxadas sobre o sector da Depresión Meridiana entre o Faro de Budiño e a serra do Galiñeiro. Este espazo natural abrangue unha superficie de 834 ha distribuídas entre os concellos do Porriño, Tui e Salceda de Caselas. Constitúen unha área pantanosa que acolle diferentes ecosistemas naturais, onde se poden atopar unha gran parte das formacións vexetais características dos medios acuáticos continentais e de turbeiras da rexión Eurosiberiana: augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae); lagoas eutróficas naturais con vexetación Magnopotamion ou Hydrocharition; uceiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix; depresións sobre substratos turbosos do Rhynchosporion; e bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. Entre a súa fauna, destacan especies como a folosa grande (Acrocephalus arundinaceus), a folosa lixeira (Acrocephalus scirpaceus), o charneco (Anas crecca), a garza pequena (Ixobrychus minutus), a cotovía pequena (Lullula arborea), o papoazul (Luscinia svecica), a papuxa montesa (Sylvia undata) e a salamántiga (Chioglossa lusitanica).