García
-
[ONOM]
Antigo antropónimo prerromano, de orixe descoñecida, que se estendeu a todos os romances hispánicos; segundo algúns investigadores procede da voz vasco-ibera Artz ‘oso’. Moi frecuente na época medieval como nome persoal, subsistiu ao proceso de castelanización ao se converter en apelido, ben coa forma Garcés ou Garciaz. A súa festividade celébrase o 26 ou 29 de setembro.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que se estendeu por toda a Península e pasou a América. En Galicia estableceuse en lugares como Nogueira de Ramuín, Sobradelo, Meira, Mondoñedo, Alfoz, Ribadeo, Boimorto, Betanzos ou Monterrei. Entre as moitas variantes de escudos de armas que se recollen para este apelido cómpre salientar: 1) en campo de prata, unha garza de sable, ferida de goles no peito; bordo de azul, con oito aspas de ouro; 2) en campo de azul, unha garza de ouro, en pé, coas ás abertas, mostrando o peito ferido de goles; 3) en campo de prata, unha garza de sable; bordo de goles, co lema “De García arriba nadie diga”, en letras de ouro; 4) en campo de prata, seis pombas pousadas, de azul, picadas e membradas, de ouro; 5) en campo de ouro, unha árbore de sinople e dunha das súas pólas pendura, no flanco destro, unha celada con plumas de azul, goles e sable; sobre a copa da árbore, unha garza ao natural; 6) en campo de azul, unha garza de ouro coas ás abertas e mostrando o peito fendido e ferido; bordo de ouro, na súa metade destra, con oito aspas de goles, e de goles na súa metade sinistra, con oito vieiras de ouro.