glicosa
(
Monosacárido do grupo das aldohexosas presente nos organismos. Trátase dun azucre cristalino, branco e soluble en auga que se estende moito pola natureza. É activa opticamente e a maior parte localízase en forma natural é α D-glicosa, que tanto en solución coma en estado sólido existe nas dúas formas cíclicas de α-D-glicopiranosa e β-D-glicopiranosa. É a aldohexosa máis coñecida e o composto orgánico que, en forma libre ou combinada, abunda máis na natureza. Ten un papel importante no metabolismo, como fonte de enerxía, que se logra no proceso da glicólise. Distribúese na natureza ben en forma libre (sangue, fluídos vexetais), ou formando parte de oligosacáridos (sacarosa, lactosa, maltosa, etc) e polisacáridos con función enerxética, como o amidón nos vexetais ou o glicóxeno nos animais, ou con función estrutural, como a celulosa nas plantas. O seu comportamento químico é o das aldohexosas; pode fermentar e producir alcohol etílico e dióxido de carbono, e tamén se pode metabolizar por numerosos microorganismos e producir ácido acético, ácido butírico e acetona. É un glícido esencial na alimentación dos animais, absórbese con moita máis facilidade ca outros monosacáridos e satisfai un 50% das necesidades enerxéticas do home e dos animais. Industrialmente obtense por hidrólise do amidón con ácidos minerais en autoclave. Emprégase en pastelería e en medicina na preparación de solucións parenterais. Recibe tamén o nome de dextrosa, azucre do sangue ou azucre de uva.