Golfo, corrente do
Corrente mariña do hemisferio boreal, no Océano Atlántico. A razón última do seu enorme caudal (o segundo do mundo en importancia) é a tendencia do sistema hidrolóxico do planeta a compensar o desequilibrio térmico entre as zonas tropicais e as polares. Ten unha relevante importancia para a climatoloxía e a bioloxía do Océano Atlántico, especialmente para as zonas mariñas e continentais afectadas. A corrente está composta de dous tramos principais, un meridional e outro setentrional. O tramo meridional orixínase cando as augas cálidas (a unha media de máis de 25°C) e rápidas, que parten do golfo de México cara ao Atlántico aceleradas pola canle de Florida, se xuntan coas augas da corrente das Antillas e dos Sargazos. O tramo setentrional (situado enriba do cabo de Hatteras) caracterízase polo feito de que a corrente se separa do continente. A corrente do Golfo remata no chamado delta da corrente do Golfo, situado a 40° de lonxitude L, onde se orixinan as correntes do Atlántico norte.