grande

grande

(< lat grande)

  1. adx
    1. Que ocupa moito espazo ou moita superficie. Na tradición oral recóllense ditos como: “Canto máis grande máis burro. De río grande, grande peixe. Vale máis pequeno e agudo, que grande e burro”.

      Ex: Comprou a casa máis grande da vila.

    2. Que ten un tamaño excesivo con respecto a outro. Na tradición oral recóllese o dito: “O peixe grande sempre come ao pequeno”.

      Ex: O pantalón estache grande de máis.

    3. Aplícase, nalgunhas especies zoolóxicas, como especificador.

      Ex: Becacina grande. Folosa grande.

  2. adx

    Que é moi alto ou forte.

    Ex: Vinlle os rapaces moi grandes, coñéceselles ben a medra.

  3. adx e s

    Aplícase á persoa adulta ou á que ten máis idade ca outra.

    Ex: Cando sexas grande poderás ir onde queiras. Falo ti porque es o grande do grupo.

  4. adx
    1. Que é moi forte ou intenso. OBS: Emprégase, fronte á forma apocopada gran, diante dos nomes en plural ou que comezan por vocal.

      Ex: Levou un golpe grande nunha perna. Sofre grandes dores de cabeza. Na tradición oral recóllense ditos como: “A gran salto, gran crebanto. De quen non se pensaba gran pedrada. Onde hai grande amor, hai gran dor”.

    2. Aplícase co significado de ‘maior’, cando este se emprega con sentido non material. Na tradición oral recóllense ditos como: “Canto máis grande é a fortuna, está menos segura. O máis grande inimigo do home foi sempre o home”.

      Ex: Falar con el, foi o máis grande disparate que puido cometer.

  5. adx

    Que está en moito número ou cantidade. OBS: Emprégase, fronte á forma apocopada gran, diante dos nomes en plural ou que comezan por vocal.

    Ex: O novo edificio terá unha grande altura. Realizaron grandes esforzos para rematar o traballo. Na tradición oral recóllense ditos como: “A gran présa, gran vagar. Gran fartura, véspera de tristura”.

  6. adx

    Que é o principal ou o superior nunha serie de cargos. OBS: Emprégase, fronte á forma apocopada gran, diante dos nomes en plural ou que comezan por vocal.

    Ex: Nomeárono gran mestre da súa orde.

  7. adx

    Que é importante, famoso ou que ten moito valor. OBS: Emprégase, fronte á forma apocopada gran, diante dos nomes en plural ou que comezan por vocal.

    Ex: Adxudicáronlle a obra a un grande arquitecto. Fan grandes esforzos para chegar a fin de mes.

  8. s [NUMIS]

    Moeda de prata de boa lei cuñada en Francia desde o 1266, cun valor de 12 diñeiros, que supuxo a materialización do sou, ata ese momento unha unidade de conta. Tivo a súa orixe na reforma monetaria que realizou Luís IX de Francia e recibiu este nome por ser a moeda de prata máis forte con relación ó billón.

  9. s m pl

    Persoa de idade adulta.

    Confrontacións: maior.
  10. s m pl

    Persoa rica e poderosa.

    Ex: Os grandes sempre poden cos humildes.

  11. grande de España [HIST]

    Título que representa a xerarquía superior do estamento nobiliario español, inmediatamente despois do título de infante e anterior aos outros títulos do reino. Os seus privilexios, entre os que destacan a libre entrada no palacio real, preceder aos bispos, permanecer cubertos en presencia do monarca e o tratamento de excelencia, tiñan só un carácter honorífico. Continuadora dos ricos-homes medievais, apareceu no Reino de Castela na primeira metade do s XIII, pero foi recoñecida legalmente por Carlos I en 1520. Nun principio tan só foron 25 títulos pero desde 1640 multiplicáronse as concesións e chegou a venderse este privilexio. Existiron tres clases de grandeza, diferenciadas pola maneira de dirixirse ao rei, que na segunda metade do s XIX foron reducidas a unha. Suprimida en 1873, foi restablecida en 1875 e volveuse abolir en 1931, sendo posta en vigor de novo en 1948. Fernando VII creou a Diputación Permanente y Consejo de la Grandeza de España, organismo oficial que dependeu ata 1931 do ministerio de Estado e desde 1948 do de Xustiza.

Palabras veciñas

Grandal | Grandas de Salime | Grandbois, Alain | grande | Grande | Grande | Grande Anse