halterofilia
(< haltera + 1 filia)
Deporte que consiste en levantar halteras. Practícase sobre unha tarima de 4 m2; as halteras que se empregan na competición son de discos. Nos concursos, os participantes, divididos en categorías segundo o seu peso, dispoñen de tres intentos para cada movemento. Os movementos recoñecidos oficialmente son arrancada e dous tempos. A arrancada consiste en levantar as halteras sen interrupción desde a tarima ata a posición dos brazos estirados por riba da cabeza; pode utilizar a flexión das pernas, que posteriormente se estirarán. A modalidade de dous tempos ten dúas fases, a cargada, que consiste en levantar a haltera ata o peito, e a proxección, na que o levantador leva os brazos ata a altura máxima por riba da cabeza. Os primeiros campionatos de halterofilia celebráronse en Londres en 1891. Incluída nas tres primeiras edicións dos Xogos Olímpicos (1896, 1900 e 1904), desapareceu do programa nos de 1908 e non se reintegrou nel ata 1920. A competición olímpica comprende as modalidades de arrancada, dous tempos e total olímpico, en dez categorías masculinas (52; 56; 60; 67,5; 75; 82,5; 90; 100, e 110 quilos).