Hertzsprung-Russell, diagrama de
Diagrama que se obtén ao representar as estrelas, mediante puntos, sobre un plano de coordenadas en que o eixe de abscisa indica a temperatura efectiva (ou o tipo espectral ou o índice de cor) da estrela, e o eixe de ordenadas sinala a luminosidade (relativa á do Sol) ou a magnitude absoluta visual da estrela. Segundo as coordenadas, hai o diagrama HR cor-magnitude e o diagrama HR cor-luminosidade; cando as coordenadas son a temperatura efectiva e a magnitude absoluta bolométrica, trátase do diagrama HR teórico. A maioría dos puntos sitúanse nunha banda alongada, a secuencia principal, sobre a que existe unha agrupación correspondente ás estrelas xigantes e unha que inclúe as estrelas superxigantes, e abaixo, a das ananas brancas. Emprégase para estudar as estrelas.