Historia Compostellana
Obra historiográfica en latín do s XII. Oficialmente foi coñecida como Registrum, nome alusivo á técnica de elaboración, que consistía en combinar a transcrición documental (cartularios e coleccións documentais) con narracións historiográficas que encadrasen os documentos. A súa composición foi proxectada por Diego Xelmírez como manobra de propaganda do seu bispado e da propia sé compostelá, para elevala a arcebispado. Con respecto a outros exemplos da historiografía latina hispana ten a peculiaridade de narrar sucesos contemporáneos e de inserir documentos da época. Os feitos narrados abarcan principalmente desde 1100 a 1139, anos en que Xelmírez foi primero bispo (1100-1120) e arcebispo de Compostela (1120-1140); é o que se coñece historicamente como “época de Xelmírez”, debido á relevancia que xogou o arcebispo na Galicia deses anos. No reinado de Urraca (1109-1126) deuse unha íntima conexión entre a súa conduta pública e o progreso das súas ambicións eclesiásticas; así mesmo, durante o seu enfrontamento con Afonso I de Aragón o Batallador, opúxose radicalmente á nobreza galega e defendeu os dereitos do futuro Afonso VII, de quen fora titor, e que coroou como rei de Galicia (1111). Por outro lado, ao ser confeccionada en contemporaneidade cos feitos narrados, experimentou diversos procesos de modificación e ampliación, con respecto á concepción orixinal, en función da evolución dos acontecementos históricos. Unha primeira amplificación tivo lugar cando a diocese de Santiago de Compostela se transformou en arcebispado, logo de se producir o traslado da dignidade metropolitana da igrexa de Mérida (1121). A partir dese momento pasou a estar formada por dous libros; o primeiro para describir o bispado, e o segundo, o arcebispado. Posteriormente volveuse ampliar, e o segundo libro desdobrouse en dous. O mesmo Xeraldo, para encadrar e darlle ao bispado e arcebispado de Xelmírez proxección histórica e eclesiástica, compuxo unha introdución onde narrou a translación de Santiago de Xerusalén a Hispania, a fundación da sé iriense, transformada despois en compostelá (1095), o descubrimento da tumba do Apóstolo e detalles dos bispos anteriores a Xelmírez. A parte final, alomenos, foi retocada trala morte do arcebispo (1141?) con fins aclaratorios. Á parte da xesta e o registrum, na súa elaboración engadíronse outras pezas (bulas pontificias, diplomas, tratados, ordenanzas, decretos sobre a administración da terra, acordos conciliares, cartas e demais). Destaca, xa que logo, a combinación de narrativa histórica (laudatio) e a colección diplomática inserida no texto. Dos diversos autores da obra sobresaen colaboradores de Xelmírez como Muño Afonso, Hugo e, cando ambos os dous foron consagrados bispos (1112) en Mondoñedo e Porto, respectivamente, continou con este labor o cóengo francés Xeraldo. Trasmitiuse en 18 manuscritos, que reprentan apenas o estadio final da obra, o que implica que non foi editada ata a década de 1140, malia elaborarse ao longo de trinta anos. Posiblemente a súa difusión formara parte do programa de exaltación da sé de Compostela promovida en tempos de Berenguel de Landoira, arcebispo de Santiago de Compostela (1325?).