historia

historia

(< lat historĭa < gr ἱστορία)

    1. s f [HIST]

      Narración ordenada e verídica sobre o conxunto dos feitos memorables do pasado humano, sobre unha serie determinada destes feitos, sobre unha persoa ou sobre unha cousa concreta.

    2. s f [HIST]

      Ciencia que se ocupa do estudo dos feitos, como conxunto das actuacións dos homes no pasado, e da súa narración. Aínda que a preocupación crítica por escribir a historia con veracidade é moi antiga e deu lugar ao nacemento dunha serie de técnicas auxiliares da investigación (arqueoloxía, paleografía ou numismática), esta preocupación non se pode confundir coa reflexión teórica sobre a evolución das sociedades humanas que se atopa nas correntes progresistas da historiografía europea desde o Renacemento, pero que non se desenvolveu cara a un estudo científico coherente, cun corpo doutrinal propio. Non obstante , a filosofía da historia, como reflexión crítica sobre o coñecemento histórico e, ao mesmo tempo, como interpretación sobre a historia, non deixou de operar activamente detrás das diferentes concepcións, escolas e métodos que, en relación coa ciencia histórica, se sucederon ao longo do tempo. Dos filósofos da historia destacan  Hegel, que converteu a historia en obxecto do pensamento humano, e posibilitou así unha conciencia verificable da historia e do carácter esencialmente histórico do home e da sociedade. Con anterioridade a Hegel, sobresaen, como filósofos da historia, santo Agostiño, G. Vico, Voltaire e A. Comte. Nos últimos cen anos destacaron O. Spengler, W. Dilthey, B. Croce, H. Rickert, K. Mannheim, J. Huizinga e R. Aron. No tratamento da historia como ciencia que estudia a evolución da sociedade, utilizáronse adxectivacións secundarias que pretenderon delimitar a historia, ben polo seu ámbito xeográfico (historia universal ou mundial, fronte a historia nacional ou local), ben polos aspectos humanos dos que se ocupa (historia política, económica, cultural, etc), ben, finalmente, pola época que estudia (así, tradicionalmente se separou a prehistoria da historia pola aparición de documentos históricos escritos; outras delimitacións son as de historia antiga, medieval, moderna e contemporánea). A historia científica non pode definirse como unha simple narración dos feitos do pasado, cousa que adoitaba significar a relación dos feitos dos dirixentes e dos homes ilustres do pasado. O seu obxectivo é explicar cómo evolucionaron as sociedades do pasado, para comprender mellor a sociedade concreta na que se vive.
      As orixes da historia
      Nos pobos primitivos atópanse formas orais de transmisión dos acontecementos do pasado, que a miúdo se transformaron ata converterse en mitos colectivos. Posteriormente, comezaron a fixarse e transmitirse sucesións cronolóxicas de soberanos, unido a feitos relevantes para as colectividades que rexían. Esta forma inicial atópase desde o Extremo Oriente ata a América precolombiana, pasando polas vellas culturas de Exipto e Mesopotamia. En Grecia apareceron os primeiros relatos que trataban de dar unha imaxe máis rica da vida dos pobos; e con Herodoto e Tucídides naceu a preocupación crítica e o afán de verificación dos datos que se transmiten no escrito do historiador. A tradición grega, prolongada no mundo romano con Tito Livio e Tácito, entroncou co cristianismo, que deu paso a unha historia que mestura o sagrado e o profano. A finais da Idade Media, nos grandes centros culturais de Italia, a historia secularizouse e transformouse en reflexión sobre a sociedade, que buscaba nos homes mesmos a explicación do destino humano.
      A formación da historia científica
      Desde o Renacemento ata o s XVIII unha serie de procesos renovaron a historia. No tránsito do s XIV ao s XVI, apareceu en Italia o humanismo, que revolucionou as concepcións político-históricas e conduciu a unha análise secular, liberada da carga do providencialismo medieval. Maquiavelo interpretou a historia de acordo a unhas coordenadas estritamente humanas e cunha dimensión social. Guacciardini continuou esta renovación con Storia d’Italia, obra na que achegou unha nova esixencia de rigor no emprego das fontes, pero que é igualmente animada por unha intención de sacar ligazóns políticas dos feitos do pasado. Paralelamente fomentouse unha crítica dos mitos que ampliou os vellos relatos históricos. Iniciada coa denuncia da Doazón de Constantino, acentuouse cando os ataques dos protestantes ás lendas piadosas do catolicismo tradicional obrigaron os sectores máis conscientes da Igrexa a emprender unha depuración crítica desde dentro, e levaron ao desenvolvemento dunha serie de disciplinas (paleografía, diplomática) que permiten unha análise rigorosa dos documentos. Na Ilustración destacou, como orixe do pensamento moderno, a obra de Montesquieu, que expresou unhas ideas que se poden considerar a pedra fundacional dunha concepción científica da historia. Os ilustrados, como P. Bayle e Voltaire, loitaron contra o prexuízo e a intolerancia e servíronse da historia como unha arma de combate. O paso seguinte, e decisivo, na elaboración da historia, como ciencia que estudia a evolución das sociedades humanas, tivo lugar en Inglaterra, que comezou a vivir o proceso de Revolución Industrial. Na escola histórica escocesa, con J. Millar, A. Ferguson, A. Smith e W. Robertson, naceu a teoría dos catro estadios, que afirma que os cambios sociais se producen de acordo con determinadas regularidades que teñen como factor esencial o modelo de subsistencia. O desenvolvemento das sociedades humanas pasa por catro estadios consecutivos, cada un deles baseado nun modo de subsistencia diferente: caza, gandería, agricultura e comercio.
      A reacción contra a Ilustración: romantiscismo, historicismo, positivismo
      En oposición á historiografía racionalista da Ilustración, apareceu unha triple fronte de reacción, dirixida contra os males da revolución, tal e como cristalizaran na Revolución Francesa. O nacionalismo romántico rexeitou o cosmopolitismo da Ilustración e buscou no pasado os fundamentos ideolóxicos que habían de axudar a crear o consenso que reforzaría a cohesión das novas sociedades, definidas polo feito de compartir un pasado común e un espírito particular. En Prusia esta reacción nacionalista provocou unha mitificación do pasado común e unha glorificación do futuro esplendoroso da nación alemana. O representante máis destacado deste historicismo xermánico foi L. von Ranke, que afirmaba que a misión do historiador non era xulgar o pasado, senón limitarse a explicar as cousas tal e como sucederon, posto que non hai leis sociais válidas de forma xeral. O positivismo iniciado por A. Comte estableceu a lei dos tres estados, fundamentada na consideración histórica da marcha progresiva do espírito humano.
      Marx e o materialismo histórico
      Segundo o materialismo histórico de Marx e Engels, o conxunto de relacións de produción (dos lazos que se establecen entre os homes no proceso para obter a súa subsistencia) constitúen a estrutura socioeconómica, base sobre a que se eleva unha superestrutura xurídica e política, á que corresponden determinadas formas de consciencia social. No proceso de desenvolvemento histórico as forzas produtivas cambiaron, progresaron, mentres que as relacións existentes nas sociedades tenderon a perpetuarse, inmobilizadas polos sectores que se beneficiaban. As relacións fosilizadas convértense en freo para o progreso da sociedade e enxendran unha era de revolución social que acaba establecendo outra estruturación, de acordo coas necesidades obxectivas dos novos tempos. Co marxismo fundamentouse unha teoría que explica a evolución das sociedades humanas nunhas etapas definidas polo modo de produción: a sociedade comunista primitiva, o escravismo antigo, o modo de produción asiático, o feudalismo, o capitalismo e, finalmente, o socialismo, co que se chegou á fin da “prehistoria da sociedade humana”.
      A crise do historicismo e as correntes idealistas
      Nos inicios do s XX, o fracaso do historicismo comezaba a resultar evidente, deste xeito apareceron un conxunto de correntes que formulaban as súas insuficiencias e buscaban unha superación cara ao idealismo. Nesta liña atópase o neokantismo da escola de Marburg, representado por H. Rickert, que sinalaba que o que lle corresponde á historia, como ciencia da cultura, é o estudo do individual, sen que lle sexa propio xeneralizar ou formular leis, do xeito que o fan as leis da natureza. Weber tratou de facer compatibles estes principios coas necesidades concretas da investigación mediante o emprego de tipos ideais, de xeneralizacións que non se corresponden coa realidade, senón que son construcións artificiais encamiñadas a axudar ao historiador no seu traballo. Segundo A. Toynbee, toda nova investigación histórica era necesaria, xa que todo estaba explicado cun receitario de fórmulas que tiña que servir para comprender a evolución de todas as sociedades humanas en todos os lugares e en todos os tempos. Partindo do neokantismo, B. Croce formulou a súa doutrina, que se pode cualificar de historicismo absoluto, e na que identificou historia e filosofía. Con Croce éntrase nun terreo de experiencias vivenciais, sen leis nin causalidade, relativista. Non hai nin unha soa historia, senón tantas historias como puntos de vista. Máis importante é o conxunto de tendencias que se poden agrupar baixo o nome de neopositivismo, dende a de K. Popper ata os intentos de fundamentación filosófica da investigación histórica de Hempel e de Gardiner.
      A escola dos Annales
      H. Pirenne iniciou un intento de renovación, continuado por Marc Bloch e Lucien Febvre desde a revista Annales d’histoire économique et sociale que fundaron en 1929. A obra da escola foi transcendental para denunciar a esterilidade do historicismo e da historia do acontecemento e para propugnar, como solución, unha historia cientificamente elaborada, que non se limitase á narración dos acontecementos políticos, senón que tratase de abarcar a totalidade da actividade humana. A escola expuxo tamén a necesidade de relacionar a historia con outras ciencias do home e de modernizar os métodos concretos de traballo, rompendo a limitación que significaba unha dedicación exclusiva no estudo do documento escrito, do texto. Non obstante , a falta dun pensamento teórico de base explica que derivase cara a un confuso eclecticismo. Os mellores aspectos da escola dos Annales foron profundados por un grupo de historiadores marxistas, entre os que sobresae Pierre Vilar.
      A historia econométrica ou New Economic History
      A aproximación dos historiadores estadounidenses á teoría económica deu lugar ao nacemento dunha escola que se autodenominou New Economic History ou historia econométrica. Os seus trazos fundamentais foron a énfase no emprego da medida e o recoñecemento da íntima relación que existe entre medida e teoría. Os modelos elaborados non son simples fórmulas expositivas, senón que son especificados con rigor, de maneira que se poden facer deducións cuantitativas, única forma de sometelos a proba. A posibilidade de reunificar teoría económica e historia estivo facilitada pola maior amplitude e sutileza dos modelos construídos pola teoría económica, que permiten unha maior aproximación á realidade. Non obstante , na definición mesma da escola hai imprecisións perigosas; por exemplo, no que fai referencia ao uso da teoría económica por parte do historiador. Obrigado a consumir unha teoría que lle é dada, a súa reflexión resulta empobrecida, limitada á aplicación duns principios que non é capaz de xulgar criticamente. Ademais, ao formularse unha pregunta moi concreta, o historiador ten máis posibilidades de obter unha resposta correcta, pero perde de vista o campo circundante e non chega a saber se aquilo que se preguntou basta para obter as claves necesarias para a interpretación dun problema histórico amplo.
      A renovación do marxismo
      Un cúmulo de circunstancias conduciron a unha fosilización gradual do materialismo histórico e reducírono a unha colección de fórmulas aplicadas mecanicamente. Na loita contra esta tendencia, contribuíron toda unha serie de esforzos. Pódese sinalar, en primeiro lugar, o traballo de Antonio Gramsci, que rexeitaba aceptar o economismo histórico e formulaba a necesidade de estudar cómo se formaban as vontades colectivas permanentes. Por outro camiño, as discusións internacionais suscitadas polo esquema das cinco etapas históricas que Stalin fixara, eliminando da lista o modelo de produción asiático, levaron a unha reformulación nas fontes das concepcións históricas marxistas. Buscábase, sobre todo, a liberación dun dogmatismo que freaba as posibilidades de novos enriquecementos teóricos. Desta polémica xurdiu a formulación dunha serie de problemas de investigación, como a natureza do feudalismo, a interpretación do ascenso das monarquías absolutas, e outros, que renovaron o campo dos estudios históricos baixo unha inspiración metodolóxica marxista, que ofrecían un panorama dunha diversidade e riqueza sorprendentes, desde Vilar ata Kula ou desde P. H. Thompson ata Lublinskaja.
      A investigación histórica recente
      Non se atopa despois deste percorrido un corpo de doutrina científica da historia universalmente admitido, senón que hai un número de tendencias que diverxeron fundamentalmente na súa base ideolóxica, pero que, dalgunha maneira, converxeron no traballo común de elaboración dunha ferramenta teórica e instrumental para axudar a mellorar este obxecto tan completo que son as sociedades humanas. Esta historia en construción terá que aproveitar todo o que haxa de bo en cada corrente; terá que compatibilizar a preocupación da historia econométrica para utilizar a teórica económica (sen depender servilmente), coa integración dos datos económicos dentro dunha análise global da sociedade como propuña o marxismo, e terá que afrontar os problemas que formula o uso de modelos explícitos nas ciencias sociais, así como mellorar a súa comprensión da formación das consciencias colectivas. A nova historia pretende achegar algunha utilidade ao home e axudalo a entender a súa situación actual e a construír máis conscientemente o seu futuro.

    3. fin da historia [FILOS]

      Concepto de orixe hegeliana que presupón a consecución duns principios ideolóxicos inmellorables por parte da humanidade. Hegel identificou a fin da historia coa vitoria de Napoleón I Bonaparte en Jena, feito que comportaba o triunfo definitivo dos ideais da Revolución Francesa. O concepto empregouno Alexandre Kojève a finais da Segunda Guerra Mundial. Fukuyama reactualizouno despois do afundimento dos réximes comunistas, feito que interpretou como a morte da única ideoloxía capaz de ofrecer uns principios opostos aos da democracia liberal.

    1. s f [HIST]

      Ciencia especializada en expoñer, cronolóxica e incluso criticamente, cada un dos diversos ámbitos da realidade e actividades humanas no seu desenvolvemento ao longo dos tempos. Tradicionalmente, o alcance da aplicación histórica acadou unha importancia especial nalgúns campos determinados. Así, pódese recoñecer unha especial consistencia na historia da filosofía, na historia do dereito ou na historia das relixións, e máis recentemente na historia da ciencia. Denomínase tamén historiografía, segundo o enfoque que tome este estudio.

    2. historia eclesiástica / [HIST/RELIX]

      Investigación e exposición da traxectoria do cristianismo na súa organización como Igrexa ao longo dos tempos. A primeira historia eclesiástica escribiuna a comezos do s IV Eusebio de Cesarea; na súa segunda versión estendeuna ata 324. No s VI Evagrio actualizou a obra e prolongouna ata 594. O estudo da conversión dos pobos bárbaros deu lugar a obras como a Historia Francorum de Gregorio de Tours, a Cronica e Historia Gothorum de santo Isidoro de Sevilla e a Historia ecclesiastica gentis anglorum de san Beda o Venerable. Ata a Baixa Idade Media as crónicas, os anais e as haxiografías foron os xéneros historiográficos máis frecuentes. Os movementos reformadores do s XVI promoveron novos estudios concretos e de conxunto que tiveron a súa réplica desde a ortodoxia católica. No s XVII inaugurouse a haxiografía crítica católica coas Acta Sanctorum; tamén nesa época apareceron compilacións dos documentos dos concilios ecuménicos e tamén da diplomática. Xurdiron despois obras nacionais, como a Italia sacra de Ughelli, a Gallia christiana de Saint Marthe-Martène ou a España Sagrada de Flórez.

  1. s f

    Obra literaria que consiste nunha narración ou exposición histórica.

    Ex: Está lendo a historia de Ramón Villares.

  2. s f
    1. Conxunto dos acontecementos humanos ou de determinados acontecementos humanos, considerados na súa evolución.

      Ex: O progreso da humanidade no curso da historia. Un feito transcendental para a historia da civilización.

    2. Conxunto dos feitos desenvolvidos na existencia dunha persoa ou cousa, ou no desenvolvemento dun acontecemento ou feito.

      Ex: A historia da empresa é moi accidentada. A miña historia é longa de contar.

  3. s f

    Narración inventada.

    Ex: A historia de Carapuchiña Vermella. Sabe moitas historias de fantasmas.

    Sinónimos: conto, conto.
  4. s f

    Explicación falsa ou pretexto que se dá para encubrir ou escusarse de algo.

    Ex: Sempre que chega tarde conta a mesma historia.

    Sinónimos: conto, fábula, conto.
  5. s f pl

    Noticia falsa e inventada que se conta para prexudicar a alguén.

    Ex: Non me veñas con historias.

    Sinónimos: chisme, conto, conto.
  6. historia clínica [MED]

    Narración completa da experiencia do médico na súa relación técnica cun enfermo determinado. Reúne os apartados seguintes: filiación persoal, antecedentes familiares, antecedentes persoais, tanto fisiolóxicos coma patolóxicos, enfermidade actual, exploración física, diagnose de probabilidade, probas de laboratorio e especializadas, confirmación diagnóstica da sintomatoloxía e epícrise.

  7. historia natural [BIOL/XEOL]

    Nome que se dá tradicionalmente á descrición da natureza, clasificada nos reinos mineral, vexetal e animal. Este concepto variou completamente co tempo. Antigamente abranguía a maioría dos coñecementos humanos, exceptuando as obras do home. Durante o Renacemento referíase ao coñecemento das cousas, astronomía, física, química, xeoloxía, bioloxía, e, posteriormente, foi aplicado ao estudio da Terra, dos materiais que a compoñen e dos seres vivos que a habitan (xeoloxía e bioloxía). Na actualidade empréganse preferentemente os nomes concretos para cada unha das especialidades.

Refráns

  • Despois dos anos mil volven as augas ao carril.