conto
(
-
Zona ou territorio que bordea algún lugar ou algunha poboación.
Ex: Fomos dar un paseo pola contorna do lugar.
-
s
m
[LIT]
Narración, xeralmente breve, dun feito ou dunha serie de feitos reais, lendarios ou fiticios, coa intención de entreter, divertir, moralizar, etc. É unha forma moi antiga da literatura popular de transmisión oral. O termo contar procede do latín computāre e de aí procede tamén conto, que tivo en principio un sentido numérico, cuantitativo e despois pasou a entenderse como referencia ou relato de sucesos ou acontecementos. Ao longo do tempo, foi sinónimo de fábula, apólogo, lenda, exemplo e proverbio; posteriormente, termos como conto, relato, narración e historia alternan para denominar as pezas narrativas de extensión breve. Pero a denominación de conto estivo sempre vinculada a novela, termo derivado do italiano novella, que denominaba as narracións de extensión tamén breve ou intermedia, mentres que conto se empregaba para facer referencia ás narracións curtas de carácter popular e de orixe e difusión oral. Pero sexa de carácter popular ou culto, de autor ou anónimo, de transmisión oral ou escrita, posúe na historia da literatura universal unha tradición milenaria. Cultivado en todas as épocas e literaturas, entre os xéneros literarios algúns ensaístas e estudiosos consideran que é unha especie de irmán menor e que non ten unha delimitación clara e autonomía. Para Julio Cortázar, que retoma as ideas de Edgar Allan Poe, o conto é, pola súa limitación externa, como a fotografía, condensa os factores do tempo e do espacio. A súa perfección procede da combinación de significación, tensión e intensidade, resultantes do axuste entre o tema, a forma e o estilo. En síntese, os trazos máis definidos do conto serían: extensión breve e limitada do asunto, o suceso ou acontecemento como eixe e clave central do mundo narrativo, predominio da narración sobre calquera das outras formas narrativas e tendencia xeral á síntese, á condensación argumental e expresiva. Os tratadistas adoitan dividir o conto en dous grandes apartados: o popular (folclórico, tradicional) e o literario (culto, de autor). Os contos populares pertencen á memoria común dos pobos e son parte do patrimonio cultural da comunidade e das xentes. A súa transmisión é oral e pasa dunhas xeracións a outras; narran acontecementos fiticios e teñen un pasado moi afastado nas súas orixes. Para Rodríguez Almodóvar, o conto é un relato de tradición oral, relativamente curto cun desenvolvemento argumental da trama en dúas partes ou secuencias e pertencente a un patrimonio colectivo que remite á cultura indoeuropea, e adianta unha clasificación en tres bloques: marabillosos (de encantamento, de fadas), de costumes e de animais. Pola súa banda, Stith Thompson amplía o abano de variedades en: de fadas, heroico, lenda local, etiolóxico ou das orixes, de animais, fábula, mito e chiste. A difusión oral do conto propicia a súa brevidade e as numerosas modificacións e variantes, froito da multiplicidade dos difusores ou contadores de contos que se van sucedendo. O seu anonimato autorial non implica a inexistencia dun autor individual, senón o feito de que o autor non controla persoalmente as súas creacións e estas pasan a ser patrimonio da comunidade que as sente como súas. Unha vía fundamental de coñecemento da contística popular é a literaria. Foron moitos os escritores (folcloristas ou eruditos) que, dende séculos pasados, fixeron versións de contos populares introducindo neles modificacións de distinto tipo. Sábese que os xograres franceses escribiron moitas fabliaux medievais e que Charles Perrault, no s XVII, publicou un feixe de contos populares alternando os orixinais con supresións ou engadidos. A literatura fornece un importante corpus de contos populares, como O asno de ouro, de Apuleio (s II); as series de narracións populares da India contidos no Pantchatantra (ss II-VI), que na Idade Media inspirou o Hitopadeza, escrito tamén en sánscrito e que influíu nalgunhas historias de As mil e unha noites, obra fundamental da narrativa árabe; Calila e Dimna, mandado traducir por Afonso X o Sabio, é unha versión árabe do Pantchatantra. Hai exemplos de contos populares no Conde Lucanor ou Libro de Patronio (s XIV), de don Juan Manuel e, no mesmo século, en Il Decamerone, de Giovanni Boccaccio e nos Canterbury Tales, de Geoffrey Chaucer; posteriormente, nas Piaceroli Notte de Straparole (s XVI), no Pentamerone (s XVII), de Basile e, xa no s XIX, nos Contos fantáticos de E. T. A. Hoffmann; nos Contos infantís e de fogar, dos irmáns Grimm; nos Contos, de Hans C. Andersen; ou nos Contos de Nadal, de Charles Dickens. Polo que se refire á clasificación, entre as moitas que se fixeron, ten maior aceptación a de S. Thompson (baseada na de A. Aarne) que distingue: contos propiamente ditos (marabillosos, realistas e relixiosos), contos de burlas e contos mnemotécnicos ou enumerativos. A importancia secular da vida rural en Galicia propiciou un amplo desenvolvemento dos contos populares e a súa transmisión vincúlase ás xuntanzas para os labores agrícolas ou ás reunións nas noites do inverno en tabernas, lareiras ou obradoiros. O estudo e a análise deste xeito de contar historias (xunto con exemplos da mesma), está patente nos escritos de Xosé Antonio Saco e Arce (Literatura popular de Galicia, 1987), Lois Carré Alvarellos (Contos populares da Galicia, 1968), Vicente Risco (Historia de Galiza. Cultura espiritual, 1962), Laureano Prieto (Contos de animais, 1948; Contos vianeses, 1958), Manuel Quintáns Suárez (Antoloxía de contos populares de Galicia, 1993), na colección de Contos populares da provincia de Lugo (1963), na Antoloxía do conto popular galego (1994), de Henrique Hargindey e Maruxa Barrio, sen esquecer os estudios de Antón Fraguas e Domingo Blanco espallados por distintas publicacións. Algúns dos contos son exclusivos de Galicia, pero a maioría son versións de contos moi coñecidos en toda Europa. Na literatura popular, como noutros ámbitos da cultura, Galicia forma parte, desde a Idade Media, da cultura tradicional europea. Entre a variedade temática dos contos, destacan os contos marabillosos, os de demos, os de bruxas, os de mouros e tesouros, os de aparecidos ou os da santa compaña. Abundan os contos de animais, especialmente do lobo, da serpe, do dragón, do cervo e do raposo. Hai contos infantís, contos chistosos, contos sobre as relacións entre homes e mulleres e contos sobre a sabedoría da vida. Algúns deles, especialmente algúns contos marabillosos, acadan un alto nivel literario, e case todos teñen unha misión educativa e didáctica ao transmitiren valores humanos. Cos contos de demos e bruxas o neno aprende un principio absolutamente básico: a oposición entre o ben e o mal, para que os asimile perfectamente e lle sirvan para xulgar os comportamentos propios e alleos. O Demo e as bruxas constitúen a representación simbólica do mal. Actuando diametralmente en contra dos preceptos cristiáns, matan, rouban, menten, cometen incesto, adulteran e fornican. Mostran, pois, a imaxe en negativo da vida cristiá que aparece dividida en branco e negro para que o neno capte o contraste; pero, ademais, tratan os problemas vitais básicos, deses que o neno ha de resolver para acadar a madureza: o espertar da sexualidade, a independencia con respecto aos pais, o perigo do incesto, os celos, a rivalidade entre irmáns, as relacións amorosas, os problemas do matrimonio, etc. A característica propia dos contos marabillosos é traducir en imaxes visuais eses procesos psicolóxicos. Describen, con axuda de símbolos, a realidade, incluso a realidade máis crúa, pero ofrecen tamén solucións e medios realistas para lograr unha madureza equilibrada. Así, fronte a esa tendencia que leva a buscar a satisfacción inmediata dos desexos, ensinan que na vida hai que aceptar renuncias e frustracións para obter recompensas duradeiras, e que no camiño da vida sempre se presentan dificultades, ás veces moi duras, que só con tesón, esforzo e astucia se superan. O seu estilo podería denominarse “realismo optimista”. Son, en definitiva, unha mestura fascinante de linguaxe marabillosa, de acabada descrición da realidade e de ensinanza para a vida. Cos contos de lobishomes -que en moitos casos sofren esa transformación debido a unha maldición paterna- os nenos aprenden os riscos de comportarse como lobos, é dicir, cunha violencia ou unha lascivia fóra de norma. E nos contos de aparecidos, os condenados ao inferno e ao purgatorio comunican aqueles defectos polos que foron condenados, como a usura, o roubo de terras cambiando os marcos, etc. Os contos de mouras e tesouros, que teñen moitos puntos en común cos marabillosos, advirten sobre o perigo da ambición desmedida. Son abondosos os contos, case sempre enxeñosos e simpáticos, pensados como primeiras leccións no camiño da aprendizaxe humana, que se adoita denominar “sabedoría da vida”, ao intentar ensinarlle aos nenos a seren realistas, traballadores, respectuosos cos vellos, solidarios, indulxentes cos inferiores, etc. Son numerosos os exemplos de conto na literatura galega do s XX, cunha temática, concepción formal e estilística un tanto diverxente aos do século anterior. Entre outras obras, destacan: Dos arquivos do trasno (1926), de Rafael Dieste; Retrincos (1934), de Castelao; Contos do camiño e da rúa (1932), de Otero Pedrayo; “O lobo da xente” (1925), “A trabe de ouro e a trabe de alquitrán” (1925) e “Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros” (1919), de Vicente Risco; a narrativa de Ánxel Fole, particularmente, Á lus do candil (1953); Contos do Miño (1955), de Eliseo Alonso; Escola de menciñeiros (1960) e Xente de aquí e de acolá (1971), de Álvaro Cunqueiro; ou Os biosbardos (1962), de Eduardo Blanco Amor. Unha referencia especial merece a fecunda etapa que para o conto galego tivo lugar a partir dos anos cincuenta cos autores da chamada Nova Narrativa, entre eles Carlos Casares, Xosé L. Méndez Ferrín, Gonzalo R. Mourullo, Camilo G. Suárez Llanos e María Xosé Queizán. A este respecto destacan títulos como Nasce un árbore (1954), de Gonzalo R. Mourullo; Percival e outras historias (1958), de Méndez Ferrín; Lonxe de nós e dentro (1962), de Camilo G. Suárez Llanos ou Os escuros soños de Clío (1979), de Carlos Casares. Lonxe destes novos narradores, Xosé Neira Vilas publicou numerosos libros de relatos entre os que destacan Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) ou Historias de emigrantes (1968). Dende 1975, o Padroado do Pedrón de Ouro promoveu o premio de relato Modesto R. Figueiredo e neste certame participaron escritores que logo destacarían no ámbito da novela ou do conto como Xosé Martínez Oca, Xavier Alcalá, Xosé Ramón Pena, Xesús Manuel Valcárcel, Xesús Rábade Paredes, Tucho Calvo, Víc22tor F. Freixanes, Carlos G. Reigosa, Alberto Avendaño, Ramiro Fonte ou Xoán I. Taibo. Posteriormente, destacan obras como Arraianos (1991), de Méndez Ferrín; Un millón de vacas (1990), de Manuel Rivas; Diario do mimo (1989), de Carmen Panero; Contos nocturnos (1985) ou O capitán Lobo Negro (1995), de Xesús Manuel Valcárcel; Bestiario dos descontentos (1985) ou Ruído. Relatos de guerra (1995), de Miguel Anxo Murado; Eros e Tánatos (1996), de Gonzalo Navaza; O demo á orella (1996), de Xosé Miranda; ou Saturno tamén é Deus (1997), de Uxía Casal. No eido infantil e xuvenil, entre outros autores, destacan Mª Vic22toria Moreno (A brétema, 1999), Xavier Puente Docampo (Cando petan na porta pola noite, 1994), Sabela Álvarez Núñez (O rei de nada e outros contos, 1988), Anisia Miranda (Os contos do Compay Grilo, 1984) e Xosé Antonio Perozo (Contos máxicos, 1995). Finalmente, cómpre subliñar a aparición de diversas antoloxías como Medusa. Relatos (1984), cun limiar de Basilio Losada; Antoloxía do conto galego. Século XX (1989) e O Relato breve. Escolma dunha década (1980-1990) (1990), de Luís Alonso Girgado; os volumes de Contos eróticos: eles (1990) e Contos eróticos: elas (1990); Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega (1991), de Antón Risco; Antoloxía do conto galego de medo (1995), de Silvia Gaspar; Relatos (1995), textos premiados no Certame Manuel Murguía no trienio 1992-1994, edición de Henrique Rabuñal; Relato contemporáneo, 1 (1995), edición de Ilda Nogareda; Narradores de cine (1996), cun limiar de Miguel Anxo Fernández; Unha liña no ceo. 58 narradores galegos (1979-1996) (1996), volume coordinado por Xosé Cid Cabido; ou Na boca do lobo (1998), prologado por Luis Alberto de Cuenca.
-
-
s
m
Relato dun suceso falso ou de pura invención que se conta como se fose certo, normalmente co fin de prexudicar a alguén. Na tradición oral recóllense ditos como: “Conto acabado, míralle para o rabo. O conto, para ser conto, é mester que veña a conto. O mellor do conto é o que queda por contar. Os contos da feira que van para o mercado teñen moito camiño andado”.
Ex: Non quero que andes con contos que podes facer moitos inimigos.
Sinónimos: chisme, fábula, historia. -
s
m pl
Explicación falsa ou con demasiados rodeos que se dá cando se quere encubrir algo.
Ex: Prefiro que me digas a verdade a que me andes con contos que non cres nin ti.
Sinónimos: fábula, historia.
-
s
m
-
s
m
Asunto principal da cuestión que se está a tratar.
Ex: Imos ó conto que do contrario non acabamos nin mañá. Iso que me dis éche un conto moi distinto do problema que hai que resolver.
-
s
m
Afectación ou falsa aparencia coa que unha persoa tenta que unha cousa ou ela mesma aparente máis do que é.
Ex: Tes que ter moito coidado con el que co conto que ten engana a calquera. Sempre parece enfermo, e o que ten en realidade é moito conto.
-
s
m
Obxecto do que non se coñece o nome ou non se lembra.
Ex: Como funciona ese conto?
Sinónimos: chintófano, chisma, chisme.
Sinónimos
Citas
- Fomos dar un paseo pola contorna do lugar.
Refráns
- Conto acabado, míralle para o rabo.
- O conto, para ser conto, é mester que veña a conto.
- O mellor do conto é o que queda por contar.
- Ó vello nunca lle falta que contar: ou ao sol ou ao pe do lar.
- Os con tos agradan, pero os contomeleiros enfadan.