Huesca
Provincia de Aragón (15.636 km2; 206.502 h [2001]). Integrada por 202 municipios, a súa capital é Huesca. Limita ao L coa provincia de Lleida (Catalunya), ao O con Nafarroa, ao S con Zaragoza e ao N cos Pireneos que marcan a fronteira con Francia. A maior parte do seu territorio sitúase por riba dos 400 m de altitude; tan só a zona máis meridional, ocupada pola depresión do Ebro, queda por baixo. A rede hidrográfica artéllase ao redor dos afluentes do Ebro (Aragón, Gállego, Cinca e Noguera Ribagorzana, entre outros). Á parte do Parque Nacional de Ordesa, nos Pireneos, existen outros moitos lugares de interese natural, como os Mallos de Riglos, Los Monegros, ou o Canal de Berdún. A densidade de poboación é baixa, debido ao carácter montañoso do territorio. O poboamento baséase en pequenas cidades, incluso a capital, que aglutina case que a cuarta parte da poboación, ten un tamaño modesto. Barbastro (15.053 h), Monzón (14.920 h), Fraga (12.100 h) e Jaca (11.398 h) constitúen os únicos municipios da provincia que superaban os 10.000 h en 2001.