idealismo

idealismo

(< ideal + -ismo)

  1. [FILOS]
    1. idealismo platónico/realista

      Doutrina de Platón que atribúe ás ideas, modelos perfectos e divinos, unha existencia en si mesma. Considera, ademais, que os obxectos do mundo sensible son meras copias das ideas.

    2. s m

      Tendencia ou principio fundamental da interpretación filosófica que asigna ás ideas, ao ideal e ao espírito, unha posición dominante no conxunto do ser e reduce a existencia ao pensamento. O seu punto de partida e reflexión é a consciencia e o eu, polo que comporta unha forte carga epistemolóxica que leva consigo unha formulación metafísica que transforma o enunciado “só se o ser é dado á consciencia é posible o coñecemento”, en “o ser é a determinación da consciencia”. O termo idealismo comezou a empregarse a finais do s XVII para designar tanto as doutrinas de R. Descartes e J. Locke, que lle daban un estatuto subxectivo ás ideas, como ás posicións de G. Berkeley, que reducían toda a realidade obxectiva a ideas, no sentido de contidos subxectivos da consciencia. I. Kant criticou esta actitude, á que lle deu o nome de idealismo subxectivo, e contrapúxoa á súa teoría epistemolóxica, o idealismo transcendental, doutrina que considera a realidade do mundo como a das nosas ideas, formadas non a partir da realidade mesma, senón da súa estrutura perceptible. A filosofía poskantiana concibiuna como unha categoría suprema da realidade na que culminaba a súa evolución. Así, para o denominado idealismo obxectivo de J. G. Fichte e de F. W. J. von Schelling, e para o idealismo absoluto de G. W. F. Hegel, o mundo exterior xa non ten máis existencia que o das ideas que o eu e a consciencia proxectan.

    3. idealismo alemán

      Nome co que é coñecido o conxunto de pensadores que marcaron a pauta na filosofía alemá entre 1790 e 1850, e que teñen como precedente a I. Kant. Entre os seus compoñentes destacaron I. H. von Fichte, F. W. J. von Schelling e G. W. F. Hegel.

  2. s m
    1. Tendencia a idealizar a realidade.

    2. Tendencia a comportarse máis por ideais que por consideracións prácticas.

      Antónimos: pragmatismo.
    3. [ARTE]

      Tendencia que afirma que a finalidade da arte é reflectir as esencias ou perfeccións arquetípicas. A arte ten que crear un mundo ideal e non repetir a realidade continxente. En consecuencia, o idealismo subliña o valor cognoscitivo da experiencia artística, e oponse á tendencia da imitación.

    4. [FILOS]

      Doutrina moral segundo a que o home ten que obrar por un ideal, que afirma a liberdade contra a necesidade moral e que comporta a aceptación duns principios morais, segundo unha escala de valores, en que o universal destaca sobre o particular. Oponse ao pragmatismo e ao oportunismo.