illa

illa

(< lat insŭla)

  1. s f [XEOG]

    Superficie rodeada completamente polo mar ou por unha masa de auga continental. Poden ser volcánicas (cumios de edificios volcánicos) ou ter a súa orixe nas plataformas continentais, das que se desprenderon, ben por efecto da erosión-sedimentación ou por forzas tectónicas. As illas do litoral de Galicia teñen a súa orixe tanto en procesos erosivos como en movementos tectónicos.

  2. s f

    Aquilo que por estar illado se asemella a unha illa.

    Ex: Aquela aldea era unha illa no medio da fraga.

  3. s f [HERÁLD]

    Figura heráldica que se representa por unha montaña rodeada de ondas de azul e prata.

  4. illa de calor [CLIMAT]

    Fenómeno que consiste no incremento da temperatura no centro das áreas urbanas con respecto á que se rexistra na súa periferia, que se aprecia especialmente nas horas nocturnas e cando existen condicións atmosféricas estables. É resultado do desprendemento de calor propio da concentración e das actividades humanas (sistemas de calefacción ou acondicionamento do aire, circulación de vehículos automóbiles, iluminación ou actividades produtivas).