Institución Libre de Enseñanza

Institución Libre de Enseñanza
Nome científico: [ILE]

Institución que crearon en Madrid (1876-1940) varios profesores de universidade e instituto, separados do ensino oficial por mor da protesta contra un decreto de Instrución Pública (1875). Dos membros fundadores, destacou Francisco Giner de los Ríos, a quen lle sucedeu (1915) Manuel B. Cossío. O seu nacemento está directamente unido á chamada segunda cuestión universitaria e ao movemento krausista. Con Manuel de Orovio no ministerio de Fomento, un Real Decreto de 26 de febreiro de 1875 mandaba poñer en vigor a Lei de 1857, pola que todos os catedráticos debían suxeitarse a textos oficialmente autorizados e esixía, ademais, someter os programas á aprobación do goberno. Con esa mesma data enviouse unha circular aos rectores en que se esixía que non se ensinase nada contrario ao dogma católico nin á monarquía constitucional. A protesta universitaria que deu orixe á ILE empezou en Santiago de Compostela e estivo comandada polos profesores Laureano Calderón Arana e Augusto González Linares, que se negaron a cumprir o decreto e a circular. Esta protesta estendeuse á Universidad de Madrid onde foi secundada por Giner de los Ríos, Salmerón, Gumersindo de Azcárate e Montero Ríos, e ao Instituto da Coruña, por Manuel Varela de la Iglesia e por Enrique Serrano Fatigati. O goberno confinou en Cádiz a Giner, e Salmerón partiu para Lugo. Mentres, Linares e Calderón foron recluídos no castelo de Santo Antón (A Coruña). A chegada da ILE supuxo unha plataforma de actuación da burguesía española, convencida de que unha educación completa era a base dunha sociedade progresiva e democrática. En Galicia colaboraron coa ILE Eugenio Montero Ríos, primeiro vicerrector da ILE e reitor (1877-1878), Eduardo Chao, Xusto Paio Cuesta Núñez, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Concepción Saiz. Dos puntos significativos da pedagoxía krausista que van ser asumidos pola ILE están a educación harmónica, a educación xeral, a educación para e en contacto coa vida, a importancia da familia, o amor á natureza, a importancia do xogo, etc. Desde o punto de vista relixioso, defenderon o pluralismo, a liberdade de conciencia e o rexeitamento á intolerancia e ao dogmatismo. O seu ideario pedagóxico quedou recollido no Boletín de la Institución Libre de Enseñanza (BILE). Á imaxe da ILE xurdiron outras iniciativas semellantes, como a Institución Libre de Enseñanza de Sabadell ou a de Polença (Mallorca). En Vigo fixéronse xestións para crear unha Institución Libre de Enseñanza durante o mandato do alcalde Xacobe Domínguez Iglesias (1881-1884).

Palabras veciñas

instintivo -va | instinto | institución | Institución Libre de Enseñanza | Institución Vanguardia Pedagógica | institucional | institucionalismo