Instituto-Escuela de Segunda Enseñanza
Ensaio pedagóxico para a reforma do segundo ensino, creado en Madrid polo Real Decreto de 10 de maio de 1918, con Santiago Alba no Ministerio de Instrución Pública. Dirixido pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, o seu plan de estudios caracterizábase pola continuidade no estudo das materias, con programas cíclicos e estudios comúns e obrigatorios ata os 15 anos, coa posibilidade de poder especializarse posteriormente nos dous cursos seguintes. O alumno distribuíase en dúas seccións, a primeira de carácter preparatorio para os comprendidos entre os 8 e os 10 anos. Ampliábase o abano de materias incluíndo o grego, as linguas modernas, o ensino artístico, o ensino manual e a música. O profesorado estaba composto por catedráticos numerarios de instituto, mestres de grao superior e aspirantes ao maxisterio secundario. Os seus principios poden buscarse na filosofía de Giner de los Ríos, na defensa da unidade do primeiro e segundo ensino, no ensino cíclico, na relación coas familias e no cultivo das linguas estranxeiras, entre outros. En 1930 concedéuselle carácter permanente ao Instituto-Escuela de Madrid. Entre 1931 e 1933 Barcelona, València, Sevilla e Málaga contaron con institucións semellantes. Esta experiencia serviu de base para o carácter que se lle quixo outorgar ao segundo ensino durante a Segunda República, en concreto ao Plan de Estudios de Bacharelato de 1934.