Iria, diocese de
Antiga demarcación eclesiástica de Galicia, que tivo a súa primeira sé en Iria Flavia. Mencionada no Parochiale Suevum dos anos 572-582, o primeiro testemuño documental da súa existencia corresponde á asistencia do seu bispo André ao Concilio I de Braga (561); sen embargo, existen indicios da actividade de diocese con moita anterioridade, fundamentados en testemuños epigráficos ou na alusión que se fai na Historia Compostellana (s XII) ao sepulcro de 28 bispos anteriores na sé de Iria, que remontan a antigüidade desta Igrexa aos tempos apostólicos. Estas tradicións sinalan a Atanasio e Teodosio, discípulos que custodiaron o cadáver de Santiago na viaxe funeraria, como primeiros pastores desta igrexa. A diocese de Iria foi a única da Península Ibérica que mantivo a sucesión episcopal e a súa actividade de xeito ininterrumpido trala invasión musulmana. No 829 o seu bispo, Teodomiro, descubriu o sepulcro de Santiago no Libredón, en Compostela. Anos despois, Adolfo II (855-877) trasladou a sé diocesana ao Locus Sancti Iacobi. Trala erección do templo apostólico no lugar, desde mediados do s IX, con Sisnando I (877-920) os bispos pasaron a titularse de Iria e da Sé Apostólica. A diocese de Iria desapareceu en 1094, ao erixirse a diocese de Santiago, que se constituíu na súa herdeira. Con esta mudanza, a diocese, que mantivo os seus límites, deixou de ser sufragánea de Braga e pasou a depender directamente da Santa Sé.