islam

islam

(< ár islām)

  1. s m [RELIX]

    islamismo.

  2. s m [HIST/RELIX]

    Conxunto de pobos, países e estados musulmáns, tanto desde o punto de vista sociocultural e político, como relixioso. Os catro primeiros califas sucesores de Mahoma representan a grande expansión do Islam (Siria, Mesopotamia, Exipto, Cirenaica, Asia Menor e Armenia). Durante o Califato omeia de Damasco o imperio experimentou un novo impulso que se prolongou no Califato abbásida de Bagdad, ata que se produciu a súa desmembración política, aínda que mantivo a súa unidade moral, institucional e económica. Abolida a institución califal (1924), os estados islámicos continuaron fieis aos principios fundamentais que, máis que unha relixión, está considerado un sistema político. Os países que configuran a Liga Árabe, a excepción de Líbano e Siria, declararon constitucionalmente que o Islam era a relixión do estado e o Alcorán, a šarī‘a e a sunna eran as principais fontes do dereito. A crecente influencia dos movementos fundamentalistas, que reivindican un retorno estricto ás formas primixenias, presenta numerosos problemas para os réximes máis progresistas. Estes, pola súa banda, tentan atopar o equilibrio entre evolución e tradición. A expansión contemporánea do Islam maniféstase tanto no incremento do número absoluto de musulmáns, como na constante penetración dos seus adeptos en países que tradicionalmente non eran islámicos. Existen tres organizacións tradicionais que canalizan os esforzos do mundo islámico: o Congreso do Mundo Musulmán, fundado en Karāchi en 1926; a Liga do Mundo Musulmán, constituída na Meca en 1962; e a Organización da Confederación Islámica, iniciada en Rabat en 1969. A manifestación máis clara da unidade do Islam prodúcese anualmente o día 10 do último mes do ano islámico na Meca, onde se reúnen máis dun millón de peregrinos. Un fenómeno notable é a penetración de musulmáns en países da Europa occidental, de América e Australia, a causa das emigracións na procura de traballo. OBS: Normalmente escríbese en maiúscula.