islamismo
(< islam)
Conxunto de dogmas e preceptos que constitúen a relixión dos musulmáns. Este sistema relixioso, predicado por Mahoma en Arabia no s VII, baséase en sucesivas revelacións feitas a este profeta polo enviado de Deus ( Ǧ abrā’il). O conxunto destas revelacións constitúe o libro sagrado denominado Alcorán. A profesión da fe islámica consiste non só no recoñecemento da submisión (islām) absoluta do crente á omnipotencia divina, senón tamén un testemuño definitivo que integra na comunidade musulmá ao que o pronuncia. A fórmula para expresalo redúcese á afirmación “non existe máis deus que Deus (Allāh) e Mahoma é o seu profeta”. Un desenvolvemento posterior da revelación, sostido e complementado pola sunna e os hadīt deu lugar a diversas doutrinas (Aš’arī, mutazilita e qadarita entre outras) segundo acepten ou non uns dogmas determinados, do que o máis discutido é o da predestinación, admitida só entre os ortodoxos sunnies. O islamismo inclúe tamén diversos movementos sectarios, como os xiítas e os kharixitas. O principal dogma do Islam é a afirmación de que Deus é eterno, transcendente, omnipotente, omnipresente, creador e único. Segundo os musulmáns, esta crenza na unicidade de Deus é a que os distingue máis radicalmente doutras relixións. Outros dogmas son a crenza na existencia dos anxos como ministros de Deus, nos ǧ inn, na misión dos profetas (os do Antigo Testamento, Xesús Cristo, e Mahoma, encargados de transmitir a vontade divina, recibida e deformada parcialmente polos xudeus e os cristiáns, dos que Mahoma é o último e principal profeta), na resurrección e na vida futura despois do xuízo final. Xunto coa profesión da fe (šahāda), que se debe repetir nos principais momentos da vida do fiel, a oración, a esmola, o xaxún do Ramadán e a peregrinación constitúen as cinco obrigas canónicas do islamismo, denominadas arkān al-Dīn ou piares da relixión, malia que determinadas sectas engadíronlle a Guerra Santa ( ǧ ihād). O islamismo, que non ten liturxia nin clase sacerdotal, é tamén a lei (šarī‘a) que regula a vida relixiosa, política, social, doméstica e individual dos fieis. Paralelamente á concepción que considera suficiente a estrita observancia da lei, desenvolvéronse numerosas correntes místicas (como condición previa de toda mística o Alcorán recomenda diversas prácticas de ascese) que buscan unha unión de amor con Deus , sufismo, con tendencia ao esoterismo. OBS: Tamén se denomina islam e mahometismo.