islámico -ca
(< islam)
-
adx
Relativo ou pertencente ao Islam ou ao islamismo.
-
arte islámica
[ARTE]
Arte desenvolvida no mundo islámico. O factor que lle dá coherencia é o relixioso e, por extensión, o político e o intelectual. O mantemento dunhas necesidades relixiosas fixas provocou a conseguinte permanencia duns esquemas artísticos que, aínda que podían cambiar estilisticamente, adoptan unhas solucións básicas que non son modificables substancialmente. Por outra banda, o Islam asimilou as tradicións culturais dos distintos pobos polos que se expandiu e a arte islámica evolucionou coa achega, en maior medida, das artes romanas, paleocristiás, bizantinas, turcas e mongolas. Un dos aspectos definidores do Islam é a importancia dada á palabra e a non veneración das imaxes que se traduce na arte na ausencia de imaxes de Alá e no emprego da decoración caligráfica. O concepto de natureza, entendida como algo perecedeiro que existe só por vontade de Alá, reflíctese na non figuración e na preferencia polos elementos xeométricos e epigráficos. Non é unha arte que busque a imitación da natureza nin a idealización, polo que tende cara á estilización. A arquitectura islámica produciu dúas tipoloxías básicas: a mesquita, lugar de oración da comunidade creado a imaxe da casa de Mahoma en Medina, e a madrasa, a escola coránica. Xunto a elas creáronse palacios, alcázares, onde as diferentes dependencias se sitúan ao redor de patios abertos; edificios públicos, como baños e mercados; caravansares; e mausoleos. As cidades organízanse en catro zonas: o núcleo urbano, onse de atopan a mesquita, o alcázar, os baños públicos e o mercado; as zonas residenciais, nas que se sitúan os barrios pechados cunha rede de rúas e con casas organizadas ao redor dun patio interior; o recinto amurallado; e tralas murallas, os mercados agrícolas e gandeiros, os cemiterios e outras dependencias. A escultura está subordinada á arquitectura e ás artes decorativas. Desenvolvéronse a cerámica, o vidro, a ebanistería, a eboraria, a marroquinería, os tecidos e os tapices; no eido da pintura, só a miniatura tivo certa transcendencia, pois non se desenvolveu nin a pintura mural nin a pintura de cabalete. A arte islámica presenta unha serie de períodos independentes por razóns políticas, xeográficas e artísticas: a época omeia ou de formación, moi influenciada pola arte bizantina e reducida á zona de Siria (mesquita de Damasco, cúpula da Rocha de Xerusalén); a dos abbásidas (750-1258), na zona sirio-mesopotámica (mesquita de Sāmarrā`); a do Emirato e Califato de Córdoba (756-1003; mesquita de Córdoba e palacio de Madīnat al-Zahrā’); o dos idrísidas e aglábidas do N de África (789-909; mesquita de Kairouan); o dos fatimitas de Exipto (969-1171; mesquitas de al-Azhar e de al-Hakīm do Cairo); o dos seléucidas de Irán e Iraq (mesquitas de Esfahān e Qazvīn); o da dinastía dos il-khan ou mongois de Irán (1206-1353; manuscritos miniados); o dos nazaritas de Granada (1237-1492; Alhambra); o dos osmanlís ou turcos otomanos (1300-1424; mesquitas de Solimán e Ahmed en Istambul); o dos timuritas de Irán (1370-1500; edificacións de Samarcanda e a escola de miniaturistas de Shīrāz e Herāt); o dos safávidas de Irán (1502-1736, construcións de Esfahān); e a dos mongois de India (1526-1707; mausoleos do Tāj Mahal en Āgra e Gol Gumba en Bishapur).
-
dereito islámico
[RELIX/DER]
šarī’a.
-
filosofía islámica
[FILOS]
Filosofía desenvolvida no mundo islámico. A filosofía apareceu no mundo musulmán como unha disciplina esencialmente estranxeira. A estrita ortodoxia do Islam sunnita só concibía o coñecemento de Deus desde un punto de vista fundamentalmente xurídico. Non obstante, e coa axuda das traducións de obras científicas e filosóficas gregas, directamente do árabe ou a través do sirio (Gondēšāpūr), foi introducida a especulación filosófica, a miúdo nun difícil equilibrio para non caer na heterodoxia. Así, os tradutores Ḥunayn e o seu fillo Isḥāq, entre outros, asimilaron erroneamente a Aristóteles ao neoplatonismo. Por outra banda, dado que o Islam non admite o maxisterio dogmático, cada pensador musulmán desenvolveu unha filosofía independente. A súa evolución pode ser dividida en filósofos anteriores ou posteriores a Algatzell. O primeiro período (ss IX-XI) representa unha síntese da metafísica neoplatónica, das ciencias naturais e da mística. Al-Kindī (?-873) proclamou a necesidade dos estudios matemáticos e identificou os textos gregos; al-Fārābī (?-950) introduciu a distinción metafísica entre a esencia e a existencia nos seres creados e, xunto con Avicena (980-1037), intentou a adaptación do emanantismo neoplatónico ao dogma islámico. En nome da Ortodoxia tivo lugar a reacción de Algatzell (1058-1111), exposta na obra Destrutio philosophorum, crítica radical da filosofía anterior. A partir do s XII o foco de pensamento filosófico desprazouse a Al- -Andalus con Quempace (?-1138), ibn Ṭufayl (?-1185) e, sobre todo, Averroes (1126?-1198), que sinalou a separación entre teoloxía e filosofía, rexeitou a crítica de Algatzell (A destrución da destrución) e deu unha nova interpretación do aristotelismo. En Oriente xurdiron pensadores menos orixinais, xeralmente xiítas, que continuaron, en certa maneira, a tradición de Avicena, nun momento no que a lingua árabe foi desprazada pola persa. O intento de establecer a distinción definitiva entre esencia e existencia dexenerou a miúdo no monismo: al-Suhrawardī (?-1191) ou Naṣīr al-Dīn Ṭūsī (1201-1274). Á marxe desenvolvéronse sistemas heterodoxos, como a doutrina dos Ihwān al-Safā, influenciada polas ideas pitagóricas.
-
literaturas islámicas
[LIT]
Conxunto de manifestacións literarias que se produciron baixo a influencia do Islam. Pertencen a este grupo as literaturas árabe, persa, urdu, paichu, baluchi, kurda, bérber, hausa, swahili, albanesa, as malaias (xavanesa) e o conxunto das literaturas turcas.