Hermandad de San Casiano
Entidade fundada en 1642 como corporación relixiosa e laboral dos mestres. En 1647 aprobáronse as primeiras ordenanzas, que se renovaron en 1703 e 1719. Como gremio profesional e de carácter pedagóxico, obtivo o seu recoñecemento en 1668 e, posteriormente, o Real y Supremo Consejo de Castilla renovou as súas ordenanzas. A Hermandad fundada na Corte tiña categoría de cabeceira respecto a outras filiais. A chegada de Carlos III e, sobre todo, a maior puxanza do Colegio Académico de Profesores Maestros del Noble Arte de las Primeras Letras, do que se aprobaron os estatutos en 1780, aconsellaron a disolución da Hermandad, tamén esixida pola política reformista dos gobernadores do despotismo ilustrado. As funcións principais da Hermandad eran a de propoñer os examinadores de mestres, sinalar os requisitos para o exame de sufficientia e de vita et moribus, propoñer os mestres leccionistas para as escolas e regular as axudas e fondos para a enfermidade e xubilación dos mestres.