Labour Party

Labour Party

Partido político socialista evolucionista británico ligado institucional e financeiramente aos sindicatos desde a súa fundación en 1906. O seu programa foi un compromiso entre o socialismo de inspiración marxista e o pensamento social liberal. En 1924 formou o primeiro goberno, co apoio dos liberais, pero caeu o mesmo ano. En 1929 accedeu de novo ao goberno, pero sucumbiu ao embate da crise económica mundial e permaneceu na oposición ata 1940, cando entrou na coalición dirixida por W. Churchill. En 1945 obtivo a vitoria electoral cun programa de nacionalizacións, reconstrucións e amplas medidas sociais. Non obstante , en 1951, co seu programa case esgotado, perdeu o poder e non o recuperou ata 1964. Na oposición desde 1970, volveu ao goberno entre 1974 e 1979, cos primeiros ministros J. H. Wilson e L. J. Callaghan. En 1983 elixiuse un novo líder, N. Kinnock, que levou unha liña moderada. As desfeitas electorais de 1987 e 1992 provocaron a dimisión de Kinnock este último ano, e a súa substitución por John Smith. Á morte deste en 1994 sucedeuno Tony Blair, que reorientou a formación cara ao centro. Gañou por maioría absoluta nas eleccións de maio de 1997 e repetiu vitoria nas eleccións de 2001.