Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo
Lei, aprobada en 1990, que pretendeu adaptar o sistema educativo á realidade da sociedade española. En 1987 presentouse o Proyecto para la Reforma de la Enseñanza. Propuesta para debate, que foi completado en 1988 cun anexo dedicado ao ensino técnico-profesional. A redacción definitiva do proxecto quedou rematada en abril de 1989 para ser publicado como Libro Blanco para la Reforma del Sistema Educativo en que se analizaba a realidade educativa española e se xustificaba a súa necesidade ao tempo que se fixaban os seus obxectivos e se organizaban, na súa totalidade, os niveis educativos non universitarios. Intentou dar unha correcta solución aos problemas especificamente educativos de España. Desde o seu enunciado terá como tarefa fundamental a de solucionar os erros de concepción, as insuficiencias e as disfuncionalidades do sistema educativo. Ampliou a educación básica ata os 16 anos en condicións de gratuidade e obrigatoriedade e auspiciou unha reordenación do réxime xeral de educación ao establecer cinco etapas: educación infantil, educación primaria, educación secundaria -en que se diferencian a educación secundaria obrigatoria (ESO), o bacharelato e a formación profesional de grao medio-, formación profesional de grao superior e a universidade. Articulada ao redor dos principios de comprensividade e igualdade de oportunidades, presentou aspectos innovadores referidos a áreas como a música, a educación física ou as artes plásticas ou mesmo referido ao ensino de réxime especial: artístico e de idiomas. Tamén se centrou nos factores que contribúen a mellorar a calidade do ensino: cualificación e formación do profesorado, programación docente, orientación educativa e profesional, inspección e avaliación do sistema. Acompañada dun calendario de aplicación e de medidas complementarias, non tivo asociado un plan de financiación que garantise a permanencia de recursos sen recortes económicos coxunturais. Isto, unido a determinados aspectos débiles desde o punto de vista formal, como a atención á diversidade, a integración de minorías étnicas e inmigrantes ou a perda de identidade do ensino medio unido ao problema do ensino da relixión, deixárona nunha posición de debilidade que non conseguiu superar. Así que, sen chegar a cumprir na súa totalidade o seu calendario de aplicación, foi substituída pola LOCE.