Lei Xeral de Educación

Lei Xeral de Educación
Nome científico: [LXE]

Lei Orgánica 14/1970, de 4 de agosto, que supuxo a superación definitiva do modelo educativo anterior. Estivo precedida dun estudo sobre a realidade educativa española, que se materializou nun Libro Branco (La Educación en España. Bases para una política educativa, 1969). Naceu con vontade de innovación e axudou a trazar o mapa e o deseño do sistema escolar. Respondeu á necesidade de cualificación que a sociedade española precisaba diante dos Plans de Desenvolvemento Económico da época. De aí que se baseara no concepto de educación permanente e propuxera un sistema educativo unitario, flexible e dinámico que tentaba poñer en relación a educación co mundo do traballo. Proxectada ao abeiro do ministro J. Ll. Villar i Palasí, foi García Hoz e Ángeles Galino, entre outros, os que adaptaron o proxecto pedagóxico que lle daba forma á realidade española. Mentres Díaz Hochleitner proporcionaba unha linguaxe e unhas ideas máis internacionais ao texto. Estendeu o ensino obrigatorio e gratuíto ata os 14 anos, mellorou a formación do maxisterio e a ordenación da formación profesional. Ademais mellorouse e ampliouse a rede escolar do estado, formada case exclusivamente por poucas e mal dotadas escolas unitarias. A LXE abrangueu todos os niveis do sistema educativo, incluída a universidade. Diante dos cambios políticos e sociais que se sucederon a partir de 1975, tivo un amplo desenvolvemento posterior á través de disposicións legais que tentaban axustala á nova realidade social e educativa do país. Estivo vixente máis de vinte anos.