liño
(< lat linu)
-
[PLANTA]
-
s
m
Nome común que reciben algunhas especies do xénero Linum e Cuscuta.
-
liño bravo/mourisco [Linum bienne, Fam das lináceas]
Planta bianual ou perenne, con talo de ata 60 cm, follas lanceoladas, flores de cor azul e froito capsular. Florece entre maio e agosto e é común en Galicia.
-
liño de lebre/de raposa
gorga.
-
liño manso [Linum usitatissimum, Fam das lináceas]
Planta herbácea anual, de 40 a 80 cm de altura, con follas lanceoladas, flores azuis e froito capsular, a partir do que se obtén a fibra téxtil que recibe o mesmo nome. Emprégase na industria téxtil, na farmacéutica, e a fariña en medicina popular. Tamén destaca a utilización da fibra de liño na industria papeleira.
Sinónimos: liñaceira. -
liño purgante [Linum catharticum, Fam das lináceas]
Planta herbácea anual, de 10 a 20 cm de altura, que presenta follas lanceoladas, flores de cor branca alaranxada e froito en cápsula globosa. Florece entre xuño e agosto en toda Galicia.
-
s
m
-
-
s
m
[TÉXT/HIST]
Fibra téxtil que se obtén desa planta. A fibra atópase no líber do talo, entre a cortiza e a parte leñosa. Para separala cómpre deixar secar os talos (palla de liño) e producir a fermentación das substancias que ligan a fibra. Seguidamente sécase a palla, que tamén se pode peitear para acabar de separar a estopa da fibra curta. O liño é un conxunto de fibras elementais de 10 a 40 mm de longo e un diámetro de 10 a 30 ìm, con pouca elasticidade e que unidas forman fascículos que poden chegar a 1 m de longo. De aspecto brillante, a cor pode ir do branco ao amarelo ou ao gris. A taxa legal de humidade é do 12%. É unha fibra esencialmente celulósica (un 70%), pero contén unha forte proporción de materias pécticas (un 22%), resinas e lignina. Resiste a intemperie mellor ca o algodón e é bo condutor da calor.
A industria do liño en Galicia
Cultivouse en Galicia desde a antigüidade e como primeiros testemuños desta actividade destacan as referencias ao pobo prerromano dos zoelas, do Conventus Asturicense. As orixes da industria do liño en Galicia documentáronse na Idade Media, especialmente nas comarcas costeiras e nos vales prelitorais. A produción, centrada no ámbito familiar, contou desde o s XVII cunha distribución importante cara a Castela e Madrid, especialmente desde o mercado de Mondoñedo. Esta industria artesanal apoiouse fundamentalmente no liño que se colleitaba no país, pero a partir de 1774 acadou un novo pulo apoiada no establecemento de dúas fábricas-escolas en Ribadeo e Santiago de Compostela. Desde a década de 1770 empregouse tamén liño procedente da rexión do Mar Báltico, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo e experimentouse un aumento no número de teares, especialmente arredor de Padrón e Santiago de Compostela e Mondoñedo. As causas do desenvolvemento desta industria radican tanto nun incremento dos mercados, coa apertura do comercio, especialmente con América, como na presión demográfica que forzou ás familias campesiñas a complementar a súa economía con esta nova actividade. Neste período apareceron os grandes comerciantes, que se ocupaban da importación da materia prima e da posterior repartición entre os campesiños. A etapa de esplendor prolongouse ata comezos do s XIX. No segundo terzo do s XIX a artesanía do liño iniciou unha etapa de crise motivada pola competencia coas industrias téxtiles de Gran Bretaña e Catalunya, ao tempo que o prezo do liño importado sufriu un incremento pola política de aranceis. A partir de entón constituíu unha práctica minoritaria limitada ao ámbito doméstico de consumo. Esta actividade recuperouse puntualmente en períodos de escaseza económica (despois da Primeira Guerra Mundial e na posguerra española). Sobreviven algúns obradoiros onde se producen tecidos tradicionais con fío de liño e nalgúns lugares como Baio, Manzaneda e Lourenzá xurdiron iniciativas para recuperar o seu cultivo e a súa transformación.
O ciclo do liño na cultura tradicional
Os labores do liño comezan a finais de abril, cando se sementa a liñaza. Cando medra e se pon amarelo apáñase en mañizos e extráeselle a semente no mesmo lugar. Despois átase en mollas e lévase ao río onde se deixa oito días mergullado, operación en que se enlaga o liño. Posteriormente sécase estendido no chan e transpórtase para a casa, onde se trilla e se fan as estrigas. Seguidamente táscase o liño, quitándolle as arestas ou casca e deixándolle só a fibra. O proceso continúa co anciñado, pasando as estrigas por un peite con dentes de ferro denominado rastro, e co fiado, en que se empregan a roca e o fuso. Cando o fuso está cheo de fío fórmase a mazaroca. Para fiar o liño xuntábanse nas noites de inverno varias mulleres nunha casa, dando lugar a unha fiada, onde acudían outras persoas a cantar ou a contar contos. Despois de fiado hai que desatar o liño co sarillo. Con varias mazarocas ensarilladas fórmase unha madeixa ou mea, que se ata cun cordel para que non se desfaga. Para branquear o liño prepárase un recipiente con auga, cinza de piñeiro ou toxo ben peneirado e xabón, e introdúcense nel as meas e cócense nun pote durante todo un día. Despois de cocidas, lávanse no río para quitarlles a cinza e póñense no campo á luz do sol para que branqueen. Cando o liño está branco fanse os nobelos na debandoira. Unha vez fiados levanse á tecedeira para que teza o lenzo, que se empregará para facer roupa. -
s
m
Tecido de liño.
-
s
m
[TÉXT/HIST]
-
liño de Nova Zelanda
[PLANTA/TÉXTIL]
formio.