lobishome

lobishome

(

s m [ETN]

Persoa que, por mor dunha maldición e por ser o sétimo ou noveno fillo nacido dun casal con descendencia ininterrompida de fillos ou fillas do mesmo sexo, pode nacer coa fada de sufrir unha transformación en lobo ao cumprir unha determinada idade. A maldición pode chegar por procedementos máxicos, ser xerada polos propios pais ou mesmo por vontade do demo se é que a persoa incumpriu algunha promesa feita con el. Para que isto non ocorra o fillo afectado pola fada debe ser apadriñado polo irmán ou irmá máis vellos, segundo se trate de homes ou mulleres. A metamorfose acontece, segundo a crenza popular, pola noite e en lugares despoboados. Os primeiros síntomas da doenza maniféstanse nunha fonda melancolía. Un día determinado o sétimo descendente foxe da casa, pendura a súa roupa nunha árbore á beira dun río, envórcase no chan ou déitase na cama dun animal ou na lama, e adquire a forma dese animal; mesmo é frecuente o caso en que o home adquire fasquía de lobo (ou mesmo de porco, gato, asno, vaca ou can grande). Pasado este momento, recuperaría a súa forma humana e podería recordar ou non a súa faceta como lobo. A maldición debe ser cumprida durante un tempo determinado que pode abarcar desde os sete anos ata toda a vida, e mesmo pode pervivir trala morte, pois a maldición pode pasar ao espírito e a alma pode transmigrar cara a outro animal. Mentres que a natureza do home, transformado en lobishome, é provisoria a da muller é definitiva. Nos relatos populares recóllense diversas formas de poder librarse da fada e esconxurar o afectado para que volva á súa forma humana: queimarlle a pel que o cobre no momento da transformación, ferilo cunha bala de prata bendicida ou facelo sangrar usando sobre todo o aguillón do ramo do acivro bendito o Domingo de Ramos ou descubríndoo envorcándose no po. As lendas sobre lobishomes están moi enraizadas en Galicia e nelas pódense observar paralelismos con lendas xermánicas, debido, quizais, á presenza nórdica en Galicia, especialmente durante o reino suevo. O presunto lobishome galego que acadou maior sona foi Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o lobishome de Allariz ou o dos untos. Quincalleiro de profesión, foi detido en 1852 por asasinar a trece persoas. Confesouse culpable no xuízo e afirmou que esos crimes foran cometidos por unha fada botada polos seus pais ou pola sogra trece anos antes. En 1853 foi condenado a morte, pero un científico inglés defendeu que sufría unha enfermidade coñecida coma licantropía. Malia recibir o indulto, morreu pouco despois no cárcere. OBS: Tamén se denomina licantropo.