Lobios, San Xillao de
Lobios, San Xillao de
Antigo cenobio de monxas beneditinas situado en Lobios (Sober), do que se descoñece a data da súa fundación. Por unha bula do Papa Xulio II de 1504, incorporouse ao mosterio de San Paio de Antealtares. Posuía un couto que no s XVI tiña 33 veciños que pagaban as rendas. Consérvase a igrexa románica dos ss XII e XIII con algún elemento gótico. Ten planta de nave única e ábsida rectangular. A sancristía é posterior e a espadana é plenamente barroca. A portada principal está formada por catro arquivoltas e sobre ela sitúase unha fiestra enmarcada dentro doutra, con arcos apuntados.