lóxica

lóxica

(< lat logĭca < grλογικήέ)

  1. s f [FILOS]

    Ciencia que estudia sistematicamente os enunciados válidos ou formalmente verdadeiros ou que trata da relación de consecuencia entre enunciados. Inclúe as investigacións metalóxicas, que estudian as propiedades dos conxuntos de axiomas e a semántica formal. Enténdese por lóxica tradicional aquela que naceu baixo Aristóteles, en que a parte central é a teoría do siloxismo. Destaca tamén a contribución das escolas megárica e estoica que trataban sistematicamente a lóxica de enunciados sen analizar e derivaban de cinco formas fundamentais todos os razonamentos baseados nas conectivas. No rexurdimento da lóxica (ss XII-XIV), a achega máis importante correspondeu á semántica e á filosofía da lóxica. Polo que respecta á lóxica moderna ou lóxica matemática, simbólica, formal ou mesmo loxística, connota unha ruptura case total entre o tema da lóxica tradicional e o da moderna. Os trazos principais son o uso dun simbolismo alxébrico, a atención ás relacións e a distinción entre sintaxe e semántica e entre linguaxe e metalinguaxe. Aínda que existen precedentes, principalmente Leibniz, considérase o inicio da lóxica moderna a partir da álxebra de G. Boole. Coa introdución dos cuantificadores por Frege conseguiuse a primeira versión sistemática e formalizada do cálculo de predicados e emprendeuse a redución da aritmética á lóxica. Dentro das investigacións metalóxicas é relevante o descubrimento de K. Gödel da integridade do cálculo de predicados e a falta de integridade das lóxicas de orde superior. Nas investigacións semánticas destaca A. Tarski, que converteu a semántica formal nunha ciencia rigorosa e permitiu o desenvolvemento da teoría dos modelos. Outros desenvolvementos posteriores estiveron centrados na lóxica polivalente, que contempla que as proposicións teñen, como mínimo, tres posibles valores de verdade V, F e I: o terceiro recibe interpretacións semánticas diversas que fan aparecer diferentes tipos de lóxicas.

  2. s f

    Maneira de pensar ou de razoar.

  3. s f

    Explicación, acción ou razoamento coherente.

  4. s f

    Forma natural de desenvolverse algo.

  5. lóxica alxébrica [MAT]

    Estudio alxébrico da lóxica como linguaxe, que trata as estruturas que presentan as diferentes lóxicas e desta maneira atopa estruturas alxébricas -pouco usuais no ámbito da álxebra clásica- como son, entre outras, as álxebras de Hilbert, de Heyting, de Abbott, de Boole e de Wajsberg, monádicas, poliádicas e cilíndricas.

  6. lóxica da mecánica cuántica [FÍS]

    Lóxica non clásica que xurdiu en 1936. Consiste no cálculo reticular dos subespacios pechados do espazo de Hilbert, onde a intersección ou mínimo é a intersección conxuntista ordinaria, a negación ou complementario é o complemento ortogonal e a unión ou máximo de dous subespacios é o subespacio máis pequeno que contén a ambos os dous. Obtense un retículo que non é modular e que dá unha lóxica moi afastada da clásica. Nesta lóxica, a incoherencia non implica necesariamente contradición como reflexo do principio de que hai parellas de medidas que nunca se poden efectuar simultaneamente.

  7. lóxica electrónica [FÍS]

    Teoría matemática que permite establecer métodos alxébricos para o estudo e a resolución de problemas de conmutación dos circuítos eléctricos. Ten importantes aplicacións en automática, informática, electrotécnia e electrónica. Xeralmente emprégase a lóxica binaria, que permite expresar o estado de magnitudes, cantidades ou posicións que só poden tomar dous valores (designados por 0 e 1), aos que corresponden dous niveis de tensión diferentes (alto e baixo, A e B). Se A = 1, B = 0, fálase de lóxica positiva, e se A = 0, B = 1, de lóxica negativa. Para a realización práctica dos sistemas lóxicos empréganse os circuítos lóxicos, os discretos (módulos) ou os integrados, que efectúan os diferentes tipos de función lóxica. O cálculo teórico faise mediante a álxebra de Boole e a utilización das diferentes operacións lóxicas. Tamén está a lóxica ternaria, que acepta tres estados diferentes.

Frases feitas

  • En boa lóxica. Segundo o desenvolvemento normal das cousas.

Palabras veciñas

lox(o)- | loxa | Loxia | lóxica | loxicismo | loxicista | lóxico -ca