magnesio

magnesio

(< lat científico magnesiu)

  1. s m [QUÍM]

      Elemento metálico que pertence á familia dos alcalinotérreos, situado no grupo II A da táboa periódica, entre o berilio e o calcio, e peso atómico 24,305. É un elemento de transición entre os metais alcalinotérreos e os alcalinos, que ten número de valencia +2. Forma o ión Mg +2 , e pode producir sales dobres ou triples. É de cor abrancazada, moi dúctil e maleable, e non se atopa en estado libre, pero os seus compostos ocupan o oitavo lugar en abundancia da litosfera. Tamén existe en augas minerais, en forma de sulfato, cloruro ou carbonato, e nos tecidos animais. É un axente redutor forte, reacciona cos ácidos con liberación de hidróxeno e o método de obtención máis empregado é o da electrólise do seu cloruro derretido ou do seu óxido. É un elemento importante na glicólise muscular (activación do ATP), no proceso de osificación e no mecanismo de excitabilidade neuromuscular. Emprégase en pirotecnia, na obtención dos compostos de Grignard, como o constituínte das bombas incendiarias e, en metalurxia, na obtención de aliaxes lixeiras.

  2. cloruro de magnesio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais delicuescentes, que se obtén coma produto secundario na extracción do KCL. Emprégase nos extintores de incendios e, en medicina, como laxante.

  3. óxido de magnesio [QUÍM]

    Sólido en forma de pos brancos moi lixeiros e inodoros, que se obtén como resultado da combustión do magnesio ou por calcinación do seu hidróxido ou carbonato. Emprégase como material refractario e, en medicina, como antiácido e laxante.

    Sinónimos: magnesia.
  4. sulfato de magnesio

    Sólido en forma de pos ou cristais eflorescentes, dun sabor amargo e refrescante, que se obtén por tratamento do carbonato de magnesio con ácido sulfúrico. Cos sulfatos alcalinos e o sulfato amónico forma sulfatos dobres que cristalizan con seis moléculas de auga: M 1 2 Mg(SO4)2·6H 2 O. Emprégase na fabricación da illantes térmicos, e en medicina como colagogo e catártico.