Mapa Sociolingüístico de Galicia

Mapa Sociolingüístico de Galicia

Traballo de investigación realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia entre 1992 e 1996. Para a súa elaboración realizáronse un total de 38.897 entrevistas entre a poboación residente en Galicia de máis de 16 anos de idade. A enquisa constaba de 148 preguntas, algunha delas con subdivisións internas, polo que se obtiveron un total de 170 variables, como a competencia lingüística do galego, as actitudes e prexuízos lingüísticos ou os datos de identificación persoal do entrevistado. O traballo foi publicado pola Real Academia Galega en tres volumes (1994, 1995 e 1996) e nel recóllense datos significativos da situación sociolingüística de Galicia. En xeral, o estudo amosa que os galegos teñen unhas actitudes positivas cara ao galego, especialmente entre os máis novos e os galegofalantes. O galego é a lingua maioritaria do país, malia observarse unha liña de descenso constante no seu uso conforme descende a idade dos informantes. Existen ademais diferencias importantes segundo o hábitat, falándose máis no rural e no interior ca nas cidades e na costa. A lingua inicial dos galegos é maioritariamente o galego pese a que se está a producir unha perda interxeracional na súa transmisión. Por último, o estudo mostra que os galegos teñen, en xeral, unha competencia elevada en galego, excepto as persoas de maior idade nas destrezas escritas.

Palabras veciñas

Map, Walter | mapa | Mapa Geológico Nacional | Mapa Sociolingüístico de Galicia | Mapa Topográfico Nacional | mapache | mapamundi