mar

mar

(< lat mare)

  1. s m [MAR]

    Masa de auga salgada considerada como unha pequena división do océano, máis ou menos cerrada pola masa continental. Diferéncianse os mares costeiros, os continentais e os interiores ou pechados. Os mares costeiros están abertos aos océanos; poden ser estreitos e abertos polos dous extremos, como o mar de Noruega, ou ter forma de golfo, como o mar de Omán. Os mares continentais son case pechados, e comunícanse cos océanos mediante estreitos, cunha salinidade, unha temperatura e unhas correntes específicas, como o Mar Mediterráneo, o Báltico ou o Mar Negro. Os mares interiores ou pechados, limitados pola masa continental, están sometidos a unha forte evaporación e a unha gran variación de nivel, segundo as variación climáticas, como o Mar Caspio ou o Mar de Aral.

  2. [MAR]
    1. s m

      Estado do mar con relación ás dimensións das ondas e os obstáculos que presenta para a navegación. Para establecer o estado do mar, adoptouse a escala de Douglas.

    2. mar alto/duro

      Denominación que recibe o mar cando comeza a estar axitado, con ondas de entre 0,25 e 0,50 m de altura.

    3. mar bravo

      Mar con ondas de entre 4 e 6 m de altura, que constitúen o grao 6 da escala de Douglas.

    4. mar calmo/bo/coma un sebo

      Mar sen ondas, plano, que constitúe o grao 0 da escala de Douglas.

    5. mar desfeito

      Mar con ondas que oscilan entre 6 e 9 m, que constitúe o grao 7 da escala de Douglas.

    6. mar enorme

      Mar con ondas superiores aos 14 m, que constitúe o grao 9 da escala de Douglas.

    7. mar gordo

      Mar axitado, con ondas de entre 2,5 e 4 m, que constitúe o grao 5 da escala de Douglas.

    8. mar moi bravo

      Mar con ondas de entre 9 e 14 m, que constitúe o grao 8 da escala de Douglas.

    9. mar picado/rixo/rizado

      Mar con ondas de 0,1 m, que constitúe o grao 1 da escala de Douglas.

    10. mar teso

      Mar con ondas de entre 0,1 e 0,5 m, que constitúe o grao 2 da escala de Douglas.

  3. s m

    Gran cantidade de persoas ou cousas.

  4. mar aberto/a fóra/ancho [XEOG/ADM]

    Espacios marítimos que non forman parte do mar territorial, das augas interiores, da zona económica exclusiva nin das augas que rodean os arquipélagos, e que non están suxeitos á competencia de ningún estado.

  5. mar baixo

    baixamar.

  6. mar cheo

    preamar.

  7. mar de fondo

    Axitación procedente do mar aberto e que rompe na costa. Caracterízase pola regularidade das ondas, que son lentas e, xeralmente, non coincidentes co vento observado in situ.

  8. mar de popa/de proa/de costado

    Mar que bate contra a popa (a proa ou o costado) dunha nave.

  9. mar lunar [ASTRON]

    Cada unha das extensións planas de coloración escura que presenta a superficie lunar. Os datos e os materiais obtidos grazas aos voos tripulados Apollo, demostraron que están constituídos principalmente, por rochas basálticas e por unha capa de regolita formada por fragmentos de rochas, por pequenos cristais e por po.

  10. mar tendido

    Grandes ondas con movemento lento que non chegan a romper.

  11. mar territorial [XEOG/ADM]

    Franxa do mar adxacente ao litoral dun determinado estado sobre o que ten plena soberanía, tanto das augas, como do leito e o seu subsolo, e a exploración e explotación dos seus recursos. Os buques de todos os estados gozan do dereito de paso inocente. A anchura do mar territorial non poderá exceder de 12 millas marinas. OBS: Tamén se denomina augas territoriais.

Frases feitas

  • A mares. Con grande abundancia.

  • Andar ao mar. Traballar nun barco.

  • Baixar o mar. Baixar a marea.

  • Encher o mar. Subir a marea.

  • Facerse ao mar/Saír ao mar. Saír o barco ou os mariñeiros de porto cara a mar aberto.

  • Golpe de mar. Movemento brusco e inesperado provocado por unha onda xigantesca.

  • Lobo de mar. Mariñeiro con moita experiencia.

Refráns

  • O mar ao mais amigo logo o pon en perigo.
  • O mar e a muller hanse de lonxe ver.
  • O que o mar dá, o mar o quita.
  • Quen non sabe de mar non sabe de marear.

Palabras veciñas

maquino | maquinón | maquis | mar | Mar | Mar | Mar Chiquita