Mariña Lucense, A

Mariña Lucense, A

Comarca natural situada na franxa setentrional da provincia de Lugo. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao O coa provincia da Coruña, ao L con Asturias e ao S coas comarcas lucenses de Terra Chá, Meira e A Fonsagrada. Abrangue unha superficie de 1.413,52 km2 distribuída entre as comarcas da Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental. O relevo ordénase en tres unidades morfolóxicas: a franxa costeira bañada polo Mar Cantábrico, en que se localizan un gran número de praias, cabos, promontorios, illas e cantís; a Rasa Cantábrica, que se estende paralela á costa, e por último os vales e as serras marxinais. Todos estes elementos danlle unha identidade propia e constitúen a comarca natural máis setentrional de Galicia.