membrana

membrana

(< lat membrāna)

  1. [BIOL/ANAT]
    1. s f

      Estrutura anatómica formada por unha lámina primaria, branda e flexible, que ten unha función fundamentalmente protectora ou de unión.

    2. membrana abdominal

      peritoneo.

    3. membrana adventicia

      Capa externa das arterias.

    4. membrana anal

      Membrana que pecha o extremo anal do intestino embrionario.

    5. membrana bacteriana

      Membrana que recobre o citoplasma bacteriano.

    6. membrana basal/hialina

      Capa delgada e transparente, rica en glicoproteínas, que está situado baixo o epitelio das membranas mucosas e das súas glándulas.

    7. membrana basilar

      Porción membranosa do tabique dos condutos do oído interno.

    8. membrana caduca

      decidua.

    9. membrana celular/citoplasmática/plasmática

      Membrana que rodea a célula, delimitando o seu contorno e controlando o seu contido. A membrana plasmática está en contacto co citoplasma (medio interno), e por outro lado, co medio extracelular (medio externo). Os seus compoñentes principais son os lípidos (fosfolípidos, colesterol e glicolípidos), que son os maioritarios, as proteínas (integrais e  periféricas) e os glícidos. A membrana plasmática é unha estrutura semipermeable, asimétrica e dinámica, onde os seus compoñentes teñen posibilidades de movemento proporcionándolle unha certa fluidez. As súas funcións fundamentais son regular o paso de substancias cara ao interior da célula e viceversa, permitindo o paso de nutrientes cara ao interior e a saída de refugallos ao exterior, e illar e protexer a célula e permitir a agregación e a cohesión de células veciñas formando tecidos e órganos. A primeira mención da existencia dunha membrana celular atribúese xeralmente a Theodor  Schwann (1839), nas décadas seguintes propóñense diferentes modelos ata que en 1972 Singer e Nicholson propoñen o modelo do mosaico fluído, que considera que a membrana é unha solución bidimensional de lípidos en que se atopan somerxidas as proteínas que se moven no plano da membrana.

    10. membrana celulósica/vexetal

      Envoltura externa, máis ou menos ríxida e grosa, propia das células vexetais típicas que está presente en case todas as plantas. Os compoñentes maioritarios son a celulosa, as substancias pécticas e outros polisacáridos menos abundantes. A súa formación comeza cando sobre a lámina mediana se produce, por aposición de material, unha membrana primaria moi delgada, e a partir desta vanse depositando novas capas, fundamentalmente celulósicas, que constitúen a membrana secundaria. O proceso ten unha continuación variable, segundo o tipo de tecido de que se trate, e xa formada, a membrana celulósica pode experimentar diversos procesos de modificación secundarios, como a cutinización, a xelificación, a lignificación e a mineralización, moitos dos que conducen á morte da célula.

    11. membrana cerebral

      meninxe.

    12. membrana coriocapilar

      Capa interna vascular da coroide.

    13. membrana de Bowman

      Segunda membrana da córnea, transparente e desprovista de estrutura, que está situada baixo o epitelio corneal.

    14. membrana de Descemet

      Membrana da córnea que se sitúa entre o endotelio e o estroma corneal.

    15. membrana de Reissner

      Lámina firme de tecido conxuntivo que forma a parede interior do conduto coclear e separa este conduto do segmento vestibular do caracol.

    16. membrana de Scarpa

      Lámina que pecha a fiestra redonda da parede interna do tímpano.

    17. membrana fetal

      amnio.

    18. membrana hialoide

      Membrana que envolve o corpo vítreo do ollo.

    19. membrana himeal

      hime.

    20. membrana interdixital

      Lámina flexible e ao mesmo tempo consistente que une os dedos dos vertebrados acuáticos, como paxaros, anfibios, tartarugas e mamíferos.

    21. membrana mucosa

      mucosa.

    22. membrana nictitante

      Lámina transparente que, situada baixo as pálpebras, protexe contra a desecación os glóbulos oculares de réptiles e paxaros, aínda que tamén está presente nos mamíferos como forma residual.

    23. membrana nuclear

      Membrana que limita o núcleo da célula.

    24. membrana ondulante

      Membrana plasmática que serve para unir os flaxelos de determinados protozoos á membrana celular, como no caso do tripanosoma.

    25. membrana pelúcida

      Membrana vitelina que rodea os ovos dos mamíferos.

    26. membrana pióxena

      Membrana moi delgada que recobre os abscesos.

    27. membrana pituitaria

      Capa mucosa do nariz que recobre o interior das fosas nasais.

    28. membrana serosa

      Membrana que recobre as vísceras e o interior das cavidades pechadas do organismo.

    29. membrana sinovial

      Membrana fibroserosa que segrega sinovia e que tapiza as cavidades articulares, as mucosas e as vaíñas dos tendóns.

    30. membrana timpánica

      Membrana fina, fibrosa e transparente que separa o oído medio do externo.

      Sinónimos: mirinxe, tímpano.
    31. membrana vacuolar

      Membrana que limita os vacúolos.

    32. membrana vitelina

      Membrana rica en vitelo que se localiza na parte interna do ovo, e separa o óvulo do resto de compoñentes que o forman.

    1. s f

      Lámina moi fina.

    2. s f [FÍS/TECNOL]

      Lámina fina que pode vibrar ao ser sometida á acción de ondas sonoras ou a forzas capaces de producir desprazamentos lonxitudinais. Forma parte de moitos aparatos acústicos (bucina), e constitúe o fundamento de moitos transdutores electroacústicos (altofalante, auricular, micrófono).

    3. s f [TECNOL]

      Lámina fina e flexible, especialmente de metal, que se emprega sobre todo en aparatos hidráulicos, como as bombas membrana, e nalgúns instrumentos de medida, en que forma dous compartimentos e compara a súa presión.

    4. membrana permeable [QUÍM]

      Membrana que, no seo dunha disolución, pode ser atravesada tanto polas moléculas de disolvente como polas de soluto.

    5. membrana semipermeable [QUÍM]

      Membrana que, no seo dunha disolución, pode ser atravesada polas moléculas de disolvente, pero non polas de soluto.

  2. s f [ARQUIT]

    Cada unha das estruturas curvas moi finas construídas con materiais resistentes á tracción e á compresión, que traballan con esforzos normais, repartidas con regularidade. En 1922 os enxeñeiros alemáns Walter Banesfeld e Franz Dischinger fixeron os primeiros experimentos en Jena, e en 1927 formularon a teoría. Os arquitectos e enxeñeiros que destacaron na creación deste tipo de construción foron Bernard Lafaille, Eugène Freyssinet, Eduardo Torroja, Félix Candela, Pier Luigi Nervi e Frei Otto.

  3. membrana peritrófica [ENTOM]

    Membrana producida pola segregación que se forma no intestino medio dos insectos e que envolve a cunca alimentaria.