Mercé, orde da
Orde relixiosa fundada en Barcelona por san Pedro Nolasco o 10 de agosto de 1218 co asesoramento de Reimundo de Penyafort e a axuda do Rei Xaime I, despois de dedicarse á redención de cristiáns cativos polos sarracenos. A tradición tamén recolleu unha suposta aparición da Virxe días antes da fundación. En 1235 o Papa Gregorio IX autorizou aos seus membros a constituírse como orde relixiosa e adoptaron a regra de santo Agostiño. Ademais dos votos de pobreza, castidade e obediencia, os mercedarios engadiron outro polo que se comprometían a quedar como reténs ou dar a vida para devolverlle a liberdade aos cristiáns que tiñan o perigo de perder a fe. A rama feminina da orde fundouna en Barcelona, María de Cervelló en 1261. Durante os ss XVII e XVIII experimentou unha grande expansión, grazas ás misións de América Latina, onde se fixo importante a súa presenza nas universidades, principalmente na de Lima. En 1690, por un privilexio do Papa Alexandre VIII, e desde 1725, por outro de Benedicto XIII, fíxose mendicante e dedicouse ás misións e á fundación de colexios. Despois da abolición da escravitude, a finais do s XIX comezou a restauración da orde. En Galicia destacaron os mercedarios agostiños que se instalaron no convento de Santa María de Conxo (1483) e no de Monterrei (1484). En Conxo tiveron relación coa Universidade de Santiago de Compostela, onde constituíron o colexio de Artes ou Filosofía en 1699. A casa de Monterrei trasladouse a Verín en 1642. Despois da exclaustración instaláronse só en Conxo, pero en 1890 desprazáronse ao mosteiro de San Xoán de Poio.