Mercedarias, convento das

Mercedarias, convento das

Construción situada en Santiago de Compostela. Encargóuselle a obra ao arquitecto Diego de Romay (1674-1683). Construíuse fóra das murallas da cidade, ante a porta de Mazarelos. Ten planta rectangular con tres alturas. A fachada, de estilo neoclásico, está flanqueada por pilastras corintias e na parte central, entre escudos, destaca un relevo da Anunciación, obra de Mateo de Prado (1674). A igrexa ten planta de cruz latina cunha soa nave e capela maior rectangular. Cóbrese con bóveda de canón e cúpula no cruceiro. No interior consérvase o sepulcro do fundador do convento, o arcebispo Andrés Girón, rematado en arco de medio punto. Sobre a porta destaca o campanario rematado en cúpula, realizado por José Crespo en 1740, a imitación do de San Fiz de Solovio.