mexillón

mexillón

(< lat tardío muscelliōne)

  1. [ANIMAL]
    1. s m

      Molusco lamelibranquio do xénero Mytilus, da familia dos mitílidos, de cor negra no exterior e azul iridiscente no interior. Forma colonias de gran densidade sobre as rochas da zona intermareal, ás que están adheridas por medio da glándula do biso. Moi apreciado en gastronomía, o seu cultivo (mitilicultura) existe desde tempos moi antigos. A súa distribución é moi ampla, xa que crece en augas temperadas e tropicais. Na costa atlántica, atópanse as especies M. edulis e M. galloprovincialis, esta última moi común en Galicia.

    2. mexillón atlántico [Mytilus edulis, Fam dos mitílidos]

      Molusco de ata 10 cm de lonxitude, de valvas iguais de cor entre parda e negra azulada, con bordo liso. É moi semellante ao mexillón rubio, e habita sobre substrato duro nas zonas de esteiro e do mesolitoral e do infralitoral, onde forma colonias. Distribúese polo Atlántico desde o canal da Mancha ata o mar do Norte. Tamén é comestible, e cultívase en países como Francia e Países Baixos. En Galicia, tamén está presente, pero en menor medida que o M. galloprovincialis.

    3. mexillón rubio [Mytilus galloprovincialis, Fam dos mitílidos]

      Molusco de ata 10 cm de lonxitude, formado por unha cuncha de dúas valvas iguais, de contorno triangular, de cor negra azulada e con estrías de crecemento concéntricas; no interior está o corpo, mol, envolto polo manto, de cor crema alaranxada. Ten un pé musculoso, e de entre as valvas sobresaen uns filamentos segregados pola glándula do biso para poder fixarse aos substratos duros. Vive, en estado natural, na franxa infralitoral rochosa, forma colonias moi numerosas, e aliméntase por filtración de materia orgánica particulada e de plancto, e pode chegar a filtrar ata 8 litros de auga por hora. Trátase dun animal de crecemento rápido, que é máximo entre os meses de xuño e agosto, e mínimo entre xaneiro e febreiro. Entre os principais inimigos do mexillón están as estrelas de mar e algúns crustáceos. O seu ciclo reprodutor dura 7 meses, son unisexuais, existen machos e femias, e a fecundación ten lugar no mar. Tras a liberación dos gametos e, tras o nacemento da larva, ao cabo de dúas semanas aproximadamente, esta nada durante 20 días, despois dos que segrega a cuncha e se fixa sobre a rocha ou calquera outro substrato mediante os filamentos do biso. Presenta grande interese comercial, cultívase desde moi antigo para o seu consumo, e é moi rico en proteínas, vitaminas e sales minerais. O talle mínimo de comercialización é de 7 a 9,5 cm. Esta especie cultívase en España (Galicia, Cantabria, Comunitat Valenciana), Francia e Países Baixos, e en menor medida en Reino Unido, Italia, Portugal, Noruega e Alemaña. No resto do mundo cultívase principalmente en países como Venezuela, Chile, India, Tailandia, México e Cuba. En Galicia, o cultivo do mexillón é en bateas, e a súa produción representa máis da metade da produción mundial. Isto é posible grazas ás características das rías galegas, de elevada produción primaria e cunha temperatura cálida das súas augas, que permite acadar o talle mínimo comercial en 17 meses, mentres que noutros países do resto de Europa necesitan entre 2 e 6 veces máis de tempo para acadar ese mesmo tamaño. Desde 1994 existe un consello regulador do Mexillón de Galicia. Existen case 3.300 bateas de cultivo de mexillón, e máis da metade está na ría de Arousa, seguida a continuación, en canto á porcentaxe de bateas, por Vigo, Pontevedra, Muros e Noia e Ares. O 40% da produción de mexillón destínase ao consumo en fresco, o 50% a conserva, e o 10% a conxelado, polo que segundo o seu destino de consumo a época de colleita é variable. O mexillón destinado a conserva e conxelado colléitase no verán, e o destinado a consumo en fresco colléitase durante o outono e inverno. Respecto ás enfermidades que lle poden afectar, as de maior risco son as mareas tóxicas, producidas por dinoflaxelados, que impiden o seu consumo por resultar prexudicial para a saúde.

  2. mexillón cebra [ANIMAL]

    Molusco lamelibranquio de auga doce e 4 cm de lonxitude, e que non é comestible. Na Península Ibérica considérase unha especie invasora especialmente perigosa, procedente dos mares Negro e Caspio, e que comezou a invasión debido ao transporte marítimo de mercadorías. Aliméntase de fitoplancto, polo que compite polo alimento con outras especies, e produce así alteracións nos ecosistemas.

  3. mexillón de río [ANIMAL]

    madreperla de río.